
[Foto: Quepasanacosta.com]
Malia o madrugón matinal ao que me "obrigou" a excesiva puntualidade de Miro Villar, pagou moito a pena poder gozar da fermosa xornada con que nos agasallaron os amigos da asociación cultural "Monte Branco", co incansábel Xosé María Varela á cabeza.
Certamente, vén sendo xa habitual que ano tras ano esta activísima entidade organice as, sen ningunha dúbida, mellores xornadas literarias do "Mes das Letras" en todo o país. Convén lembrar, sen ir máis lonxe, as respectivas homenaxes aos máis grandes autores da literatura galega dos nosos días: Uxío Novoneyra, Manuel María, o Grupo Brais Pinto, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Batallón Literario da Costa da Morte, Concha Blanco ou, nesta mesma edición, Xabier P. Docampo, entre outros.
A xornada, como digo, comezou cun esixente roteiro (sobre todo para aqueles/as que están pouco afeitos/as a longas camiñatas polo monte) polas paraxes que inspiraron boa parte da obra do Bardo pontecesán: o esteiro do anllóns, o pozo da serpa, o exquisito e cativador regato da "princesa moura encantada", o alto de Monte Branco e outros lugares de grande beleza. Visitamos tamén as dunas da enseada da Insua, a marisma con toda a súa fauna e flora, o monolito de Pondal, a casa onde naceu e a impresionante praia de Balarés. Xa absolutamente extasiados (algúns, non todos) dirixímonos a un coñecido restaurante da localidade e alí xantamos e conversamos e gozamos da palabra, sempre comprometida e luminosa, de Xabier P. Docampo.
Houbo tempo, ademais, para a lectura de versos dos grandes autores da nosa bisbarra (Miro Villar recitou dous poemas de Antón Zapata e Rafa Villar, mentres eu fixen o propio con dous textos de Pondal e Gonzalo López Abente). Como anécdota para o recordo, Xabier P. Docampo sumouse á homenaxe poética costeira coa lectura do poema "A campaña de Anllóns", do autor de "Queixumes dos pinos".
En definitiva, a xornada pondaliana quedará para sempre no noso recordo, na nosa retina, no noso corazón. E todo grazas ao grandísimo labor que entidades como a A.C. Monte Branco levan a cabo a prol da dignificación da nosa lingua e da nosa literatura nacional.




26/05/10 as 08:30
No roteiro, alén das excelentes explicacións de Luís Giadás, tamén estiveron Fernando Cabeza Quiles que nos alumeou sobre varios topónimos e o poeta malpicán Diego Cousillas que recitou sen papeis e de memoria varios textos de Pondal. Unha xornada deliciosa, por máis que Modesto estivese a piques de chamar ao 112 porque non daba chegado a Valarés, con V. Quiles e outros din que o topónimo viría de Val Arense (Val de Areas), mais hai outros especialistas como navaza que falan doutra posible orixe.
26/05/10 as 05:28
Que trapalleiro! Se o que case non chega a Valarés es ti. Ai, ai, ai, o que hai que oir. En fin, "quen con nenos se deita mollado se levanta". Saúdos.