O Congreso acorda suprimir o voto emigrante nas eleccións locais

publicado o 29 Abril de 2010 ás 18:37 por Modesto Fraga.

[ Imprimir :: Enviar a un amigo ]

eleccins_fisterra

Despois de moitos anos mareando a perdíz, semella que por fin a cordura política chegou a bo porto. Xa era hora de que a subcomisión encargada de reformar a Lei Electoral tomase unha decisión encol da incongruencia que supón que milleiros de persoas que non teñen ningunha vinculación social, económica e política continúen decidindo o futuro das nosas administracións públicas.

Porén, non quixera que as miñas palabras sobre esta cuestión soasen a discurso xenófobo, excluínte. Nada máis lonxe das miñas intencións. Como galego e como cidadán consciente do que a emigración supuxo para o desenvolvemento do noso país, non podo menos que manifestar o meu agradecemento a todos os homes e mulleres que, desde alén mar, contribuíron ao noso progreso e benestar nuns tempos certamente escuros e difíciles.

Aínda así, desde o meu punto de vista, e pensando na lexitimidade que calquera comicio electoral debe propugnar como máxima irrenunciable, é inxusto que as corporacións municipais, como administracións máis próximas da cidadanía, estean condicionadas po un voto, o exterior, que para alén da súa cuestionada legalidade, non representa, en absoluto, a vontade dos verdadeiros e lexítimos electores, que non son outros que os veciños que día a día viven a realidade social dos seus respectivos concellos.

Os fisterráns, sen ir máis lonxe, aínda temos fresco na memoria o "pucheirazo" de 2003 que provocou a suspensión dos comicios electorais e o retraso na constitución doutros organismos públicos como sucedeu coa Deputación da Coruña.

Veremos que sucede agora co voto emigrante nas Eleccións Autonómicas e nas Xerais. Se finalmente o acordo adoptado pola subcomisión do Congreso se concreta nas vindeiras municipais será un paso adiante que, con toda certeza, contribuirá a mellorar a saúde dun sistema electoral cada día máis feble e cuestionado.

Quen non recorda isto?


Hai 3 Comentarios sobre este texto:

  1. xandesiso di:

    tal vez a cordura política chegue cando en un concello como en Fisterra no se fagan mais carretadas , mais propaganda ilegal nas 24 horas antes das eleccions e no mesmo día de voto,cando a xente non se vexa coacionada polo favorino cando se aprenda a que nunha democracia o respeto e algo que vai da man coas leis inda que algo me dí que iso nunca chegará por que non estamos maduros como pobo democrata. Isto significa para todos os emigrantes sinxelamente unha patada e un corte de pelo e non somos dous senon 1/3 da poboacion chamada galega pero bueno non hai dos sin tres e como di o outro e o concello de Fisterra e moitos de Galicia van perdendo cada ano mais xente , xente moza , xente profesional que terá que asimilar que nin se queira pode votar no seu concello mais para vivir , a maleta eo buscarse a vida e si as leis do congreso lle deron a espalda non se queixen e digan que os millons de persoas que estamos estragados polo mundo lle deamos mais tarde a espalda a democracia que está manipulados polos gobernantes do momento así cando me cheguen as papeletas de voto a o buzon, pensareino si eu teno algunha obriga a votar o mesmamente que volvan o lixo do esquencemento. Pola mina parte esta mais que zanxado iste asunto e so me queda escoitar a quen levan o patíbulo nas proximas que se achegan .

  2. Xoán S. Pazos di:

    Gustoume unha verba moi atinada que empregou Xan de Siso: "estragados", porque iso é o que son os galegos polo mundo adiante: un estrago. E non o digo porque non traballen, porque non defendan a nosa identidade, porque non sexan unha bandeira importante para a nosa cultura: nada máis lonxe da miña intención que ofender a un colectivo ao que posiblemente me teña que unir nun futuro próximo se as cousas non cambian. Dígoo porque é un estrago que os fillos válidos desta nosa terra teñan que emigrar, sinxelamente.
    A solución a todo isto sería, sen dúbida, que se deixara de facer a política rastreira moi ben representada por aquelas verbas tan sentidas e orixinais ciscadas ó vento por un dos nosos "Patricios" da política fisterrá do pasado: "os fisterráns non necesitan estudios, bástalles coas botas do mar". Esa é a política que hai que evitar. Hai que intentar que a xente con estudios, a xente con carreira, a xente capaz; en definitiva, a xente que non quere traballar no mar, non teña que coller as maletas i emigrar. Mentres tanto seguimos a profundar na política dos pobres, que é aquela de "ensinemos inglés nas escolas para que os galegos estean preparados para marchar polo mundo adiante". Eu non quero que os meus fillos precisen o inglés, porque eu aspiro a que os meus fillos fiquen na súa terra.
    En todo caso, e tal e coma están as cousas, o voto emigrante é un perigo para a tradición democrática deste país. Non só pola escuridade que hai nese procedemento, senón porque os partidos pequenos perden practicamente o dereito a gobernar porque non teñen cartos para facer "comidas de confraternización" en Buenos Aires.
    Di Xan de Siso que os emigrantes son un tercio dos galegos. Tamén os rapaces menores de 18 anos son unha parte importante da poboación do país, e mais non votan. ¿Por que? Pois porque, ao igual que os emigrantes, non teñen conciencia nin responsabilidade dos problemas da súa vila. En fin, que o que non é lóxico é que eu perda o meu dereito ó voto se marcho para Madrid, e que netos e bisnetos de emigrantes na Arxentina teñan dereito a decidir un goberno que eles nunca van disfrutar (ou sufrir).
    Espero non ter ofendido a ninguén (nada máis lonxe da miña intención), e sobre todo quero deixar claro o meu respeto e o meu aprezo cara aquelas persoas que por desgracia tiveron que marchar da terra. Espero que algún día non quede desa xente, que todos vivamos nunha Galicia próspera onde non falte o traballo e onde se valore ás persoas traballadoras; unha Galicia onde non faga falla exhibir un monumento que rece "Leva o noso amor ós galegos espallados polo mundo", pois non esquezamos que a emigración non é a nosa fachenda, senón a nosa vergoña.

  3. Martin di:

    Teño verdadeira curiosidade por saber si os 2 grandes partidos manteran esta medida de cara as xerais.. na nosa realidade actual e moi dificil chegar a creer que algunha destas decisions conxuntas sea para ben do electorado ou para acabar cas corruptelas que se producen sobre todo na Arxentina..
    ¿ Non sera mais ben unha consecuencia da crise que nos asolaga e que obliga os diferentes partidos a apretarse o cinto ?
    Creo que seria dificil cando menos calcular a cantidade de cartos que se gastaban os partidos nas viaxes dos diferentes cargos, en moi diferentes conceptos, como xa vos podedes imaxinar....

    Isto e soio unha opinion personal e un punto de vista diferente, non teño ningunha confianza na clase politica deste pais.. e menos despois de ver como en moitisimos paises estan facendo causa comun contra a crise, e aqui adicanse a tirarse os trastos a cabeza...realmente penoso.

:

:
:

« Anterior Post
Seguinte Post »