
[Les demoiselles d'Avignon. Picasso]
"Ay, muchacho, en la luz sobrevino la pólvora
y tú, con ruiseñor y con fusil, andando
bajo la luna y bajo el sol de la batalla."
Pablo Neruda "Canto general" [1938-1949]
No mes de decembro de 1949 o poeta chileno Pablo Neruda, unha das voces máis comprometidas e lúcidas do século XX, escribiu na súa magna obra Canto general un fermoso poema titulado "A Miguel Hernández, asesinado en los presidios de España". A intensidade emotiva, a fondura entusiasta e sincera dos versos que o creador dos Veinte poemas de amor y una canción desesperada lle dirixe ao poeta alacantino non fai máis ca corroborar a manifestación plausíbel da peripecia vital e humana dun home marcado por un tempo de exilios e de morte.
A historia da literatura -ou cando menos daquelas que nos son máis coñecidas- está inzada de numerosos exemplos que afondan na cuestión paradigmática do exilio desde un multiperspectivismo certamente cativador. De entrada, xa desde as orixes da tradición literaria occidental, atopamos mostras máis que evidentes dun universalismo temático que transcende os límites espaciais e temporais. Poderiamos, sen afondar en demasía, achegarnos ao exilio (e abranguelo case na súa totalidade) analizándoo soamente nos contextos clásico, romántico e/ou contemporáneo. Mais, en certo modo, estariamos acaso menoscabando e desvalorizando un fenómeno tan sumamente complexo coma suxerente e cativador.
No revelador epígrafe "El sol de los desterrados: literatura y exilio" que Claudio Guillén inclúe no seu monumental ensaio Múltiples moradas, podemos percibir con nitidez os distintos graos ou estados que a figura do exiliado, como elemento literario e, adoito, como experiencia vivencial, é quen de asumir independentemente -e en virtude- dos acontecementos. Así, non hai dúbida de que podemos considerar materia de exilio desde personaxes ficcionais como o propio Adán -quen, como sabemos, foi expulsado do Edén por desobediencia a Deus- pasando por Séneca, que viviu desterrado oito anos, ou o nostálxico Ovidio, expulsado do seu país natal ao igual ca Dante e moitos outros.
Sucede, porén, que un leitmotiv tan recorrente na historia da civilización humana só pode ter sentido se se sustenta en distintas transformacións adaptadas a cada situación particular. O exilio de Odiseo e o seu posterior regreso a Ítaca, malia durar vinte longos anos, foi unha partida voluntaria e nada ten que ver co exilio aterrador, existencial de Dante na Divina Comedia. No primeiro caso o triunfo do retorno actúa como un estímulo sempre presente na aventura do heroe mentres que no segundo, ao igual que lle acontecera a Ovidio, o regreso endexamais será posíbel.




23/12/09 as 10:09
4kxsQA <a href="http://wdfwtfmysdci.com/">wdfwtfmysdci</a>, [url=http://jmwrqqfkcbkg.com/]jmwrqqfkcbkg[/url], [link=http://xjxrpsgecjpx.com/]xjxrpsgecjpx[/link], http://frgweyympkdm.com/
28/02/10 as 06:18
9AIiti <a href="http://qlhgqbfzqrsj.com/">qlhgqbfzqrsj</a>, [url=http://sxksodnfvbld.com/]sxksodnfvbld[/url], [link=http://zalyaufvdytl.com/]zalyaufvdytl[/link], http://kdoxubgzidxb.com/