Cinco anos sen Carlos Casares

publicado o 08 Marzo de 2007 ás 17:24 por Modesto Fraga.

[ Imprimir :: Enviar a un amigo ]

carlos_casaresMañá venres, 9 de marzo, cúmprense cinco anos do pasamento, en Vigo, do escritor ourensán Carlos Casares (1941-2002).

Con motivo desta efeméride, outro ourensán con maiúsculas, Marcos Valcárcel, amigo persoal do autor de "Vento ferido", propúxonos a todos os habitantes da blogosfera unha calurosa homenaxe colectiva en lembranza de Carlos.

É evidente que ante requerimento de tal envergadura, de tamaña sensibilidade, non podemos menos que sumarnos cada un de nós, lectores atentos desa "marxe" casariana tan inolvidábel. No meu caso, e aínda que sexa en pobre verso,  agradezo o convite do amigo da Valenzá para adicarlle a Carlos este poema que, ao vello xeito de SONETO ACRÓSTICO comeza, máis ou menos, da seguinte maneira:

 

Así, sen avisar, tan vespertino

Como un coitelo de matar, calado.

Así chegou, caladamente: “¡Eu vino!”.

Repentino lamento delicado.

Lamento delicado, repentino

O día da traizón xa foi chegado:

Sacho, cravo da terra, fatal sino,

Como unha aixada de matar, calado.

A morte, de vagar, foite agardando

Sentada nun sillón azul e frío

Alí onde o verán é un sol espido.

Recorda que a memoria vive cando

Estala como un caudaloso río

Sempre no corazón, vento ferido.

 

Do poemario Derrotas con raíces (no prelo)
 


Hai 6 Comentarios sobre este texto:

  1. Carmen di:

    Eu leía sempre os articulos de Carlos Casares na Voz de Galiza. Foi un tristura que morrese tan novo. Súmome o homenaxe e felicitacións os organizadores. O teu poema Modesto é moi bonito. Sigue así.

  2. Modesto Fraga di:

    Grazas, Carmen. Sempre agrada que a un lle digan que o que escribe é medianamente aceptábel.

  3. moralla di:

    Foi unha sorte e un honor poder recitar este poema na Homenaxe que lle fixemos a Carlos Casares no Liceo de Ourense en colaboración coa Fundación que leva o seu nome. Un acto emotivo onde non faltou a gargallada. Un bico. Yoli :-)

  4. Modesto Fraga di:

    Graciñas Yoli. Para min tamén foi unha satisfacción que te brindases a representarme en tan emotivo acto. Un bico e millóns de agradecementos.

  5. trebom de fisterra di:

    Vaia poema, que artista...
    Da gusto que a xente como carlos casares viva sempre... ainda que sexa na memoria duns poucos... gracias modesto, polos que temos memoria de peixes. apertas.

  6. Modesto Fraga di:

    Camarada Trebom: Non hai maneira de coincidir contigo nas fin de semanas fisterrás. O sábado estiven con Velay organizando os actos de abril, de homenaxe a Cipriano Fernández, e non houbo maneira de que te pasases polo Ultreia. Estes días mándoche o programa definitivo de actos para que non te perdas unha sesión. Unha aperta, amigo, e grazas polos cumpridos (esaxerados, por suposto).

:

:
:

« Anterior Post
Seguinte Post »