O medo de Feijoo ao príncipe das nosas Letras

publicado o 28 Xaneiro de 2010 ás 18:16 por Modesto Fraga.


foto_ferrn_400
[Foto. "Descordo de amor: Occitania en Galicia, 2004.
Con Luís Celeiro, González Tosar, Méndez Ferrín e Bernardino Graña]

Coa chegada á presidencia da RAG do noso escritor máis universal, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), comezan a sair á palestra todo tipo de declaracións, case sempre desafortunadas e cheas de ignorancia, das principais forzas fácticas do noso querido e , en ocasións, envelenado planeta galego.

Se hai unhas semanas, con motivo do posicionamento do autor de Arraianos a presidir a centenaria casa da rúa Tabernas, eran os cachorros do poderoso xefe do monopolio xornalístico os que atacaban a opción máis solvente, sensata, unánime e prestixiosa, agora é o propio presidente da Xunta quen se postula deixándonos unhas declaracións tan patéticas como carentes de sentido común. Ai, o medo.

Será que Núñez Feijoo desconfía da máis que demostrada competencia lingüística, literaria e académica de Xosé Luís Méndez Ferrín ou, pola contra, talvez recela dos seus altísimos valores intelectuais e morais, así como da súa insobornábel actitude para con este milenario e avasallado país.

Con Ferrín presidindo a RAG unha cousa está clara: acabáronse os cambalaches, os paripés interesados e os perversos desleixos á nosa identidade nacional. El (o mestre) somos nós. "Vox populi vox Dei".

Declaracións de Feijoo aquí. 




Queremos Galego!

publicado o 21 Xaneiro de 2010 ás 16:47 por Modesto Fraga.


manifestacin_queremos_galego_400

                                                                                                   [Foto. ANT] 

Este mediodía, por se alguén tiña algunha dúbida ao respecto, o pobo galego volveu manifestarse de xeito masivo e contundente a prol do seu principal signo identitario: a lingua.

Milleiros de persoas chegadas de todos os lugares de Galicia quixeron amosar hoxe o seu rexeitamento absoluto para co novo decreto do galego auspiciado por un goberno acomplexado e contrario aos intereses do país que representan. Eles, os túzaros, fieis á súa incompetencia e mediocridade natural, conseguiron inventar un problema onde nunca existíu. O seu partidismo, o seu desleixo pola cultura e pola historia do noso milenario país, provocou unha reacción social de tal envergadura que nin os máis upeydianos, sabaterianos e galiciabilingueiros acaban de comprender. E é que estes mamarrachos dereitosos, politiquillos de tres al cuarto, teñen tal cacao mental que nin aos deles convencen para a causa.

A manifestación, organizada pola plataforma "Queremos Galego", ateigou a capital galega até o extremo de que a varios milleiros de persoas foilles materialmente imposible entrar na praza do Obradoiro por mor da inxente cantidade de asistentes. Agora chega o turno das valoracións, dos datos e das cifras. Algúns falarán de 60.000 almas presentes, outros deixarán a cousa en 20.000 e así sucesivamente. O que está claro -e diso podemos dar fiel testemuño os que alí nos atopabamos- é que tanto na principal praza compostelá (da que se di que alberga unhas 30.000 persoas aproximadamente) coma nas máis importantes rúas do casco vello da cidade non collía un alfiler, proba inequívoca de que o éxito da convocatoria está máis que garantido.

Mentres agardamos os resultados "oficiais" da exitosa e histórica manifestación, déixovos este enlace da noticia elaborada por EL PAÍS.




"Os versos salgados do Batallón", un artigo de X. M. Lobato

publicado o 16 Xaneiro de 2010 ás 17:40 por Modesto Fraga.


homenaxe_a_marcos_valcrcel_2009_400

[Con X. A. Montero, Miro Villar e o autor do artigo, X.M. Lobato. Foto. ANT]

Seis meses despois da publicación da antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (Sotelo Blanco, 2009) continúan aparecendo na prensa fermosas e delicadas recensións coma esta que asina Xosé Manuel Lobato en "El Correo Gallego".

Desde aquí, os coordenadores do volume (Miro Villar e un servidor), queremos facer chegar a Xosé Manuel Lobato o noso agradecemento máis sincero polas súas xenerosas palabras e pola súa sabia e rigorosa lectura. Obrigadísimos, camarada.

"OS VERSOS SALGADOS DO BATALLÓN". ARTIGO COMPLETO 




Julio Castro Marcote, o artista embaixador da hostalería

publicado o 16 Xaneiro de 2010 ás 14:26 por Modesto Fraga.


julio_castro_marcote._foto._paco_rodrguez

                                              [Foto: Paco Rodríguez]

"O Hostal popularizouse porque abrimos as súas portas á cidade"

O fisterrán Julio César Castro Marcote, "Chichí" para os amigos e coñecidos, vén de ser estrevistado polo xornalista de La Voz de Galicia Xosé M. Cambeiro, na edición que o principal diario de Galicia ten en Santiago Compostela.

Unha vez máis, este ilustre fisterrán nado en Sardiñeiro e pertencente a unha das sagas de maior cerne no mundo da restauración da Costa da Morte (os propietarios da centenaria "Casa Lestón"), volve deixar testemuño da súa grandeza persoal e da súa constatada capacidade profesional como director dun dos Paradores máis prestixiosos de España, o Hostal dos Reis Católicos.

Dado o interese da reportaxe publicada hoxe nas páxinas de La Voz (edición de Compostela), rescato para vós, amigos e amigas lestores deste espazo cibernético, as palabras de Julio Castro co desexo de que sexan do agrado de todos e todas os que nos sentimos orgullosos de compartir patria común con persoas da calide humana e profesional deste fillo da Costa da Morte.




Entrevista na Radio Galega

publicado o 14 Xaneiro de 2010 ás 17:30 por Modesto Fraga.


isabel_freire_400

Este sábado, a partires das 12:30 horas, teño previsto intervir no programa "Coñecer Galicia" que dirixe a xornalista Isabel Freire. Será para falar de Fisterra, das súas impresionantes paisaxes, da súa tentadora gastronomía, da súa primorosa historia (pasada e presente).

Imaxino que, como de costume, acabarei caendo no meu habitual chauvinismo, na miña coñecida e esaxerada reverencia ao terruño matricial. Mais, a dicir verdade, nos tempos que corren, vendo as últimas campañas de acoso e derribo que padece o noso Finis Terrae (posible desmantelamento dos servizos que desde hai varias décadas presta na localidade o ISM; incomprensible e vergoñenta campaña do concello de Muxía para reivindicar aquela vila como "Fin do Camiño" co que isto representa, etc) non vén nada mal un pouco de amor propio aínda que só sexa a modo de terapia radiofónica. Así que a ver se non me cruzo demasiado, que o sangue ferve e moito.




"Si ou non", de Anxo Tarrío Varela

publicado o 13 Xaneiro de 2010 ás 12:52 por Modesto Fraga.


anxo_tarro

Interesante artigo do profesor Anxo Tarrío na súa sección semanal "De Letras e de signos" (Galicia Hoxe) a respecto da normativa do galego.

Podes ler o artigo premendo aquí.