Na senda de Avilés de Taramancos
publicado o 15 Maio de 2008 ás 14:00 por Modesto Fraga.

Acabo de enterarme, grazas ao facho de cultura e liberdade que é o colectivo Sacou, da recente concesión do "XIV Premio de poesía Suso Vaamonde" ao poeta noiés Manuel Lôpez Rodrígues.
Unha vez máis os fados da poesía -aqueles que habitan o silencio do que se di sen palabras- fan xustiza e recoñecen o quefacer dun poeta tan fondo e intimista como comprometido. O seu poemario, "Antítese Nativa", recibíu o recoñecemento dos membros dun xurado que, entre outros méritos, salientou a variedade léxica e o importante traballo lingüístico que abrangue a todo o conxunto da obra.
O Manuel, amigo, poeta e asiduo visitante desta casa, ten previsto recoller o seu premio, dotado con 1.000 euros, o vindeiro sábado, 17 de maio, en Vilagarcía de Arousa.
Desde aquí queremos felicitalo de todo corazón e, de paso, felicitarnos todos/as por esta nova voz que chega cos fresquísimos alentos caucanos do inesquecíbel Antón Avilés de Taramancos.
Os piratas de Poole coa cruz ao lombo
publicado o 15 Maio de 2008 ás 10:57 por Modesto Fraga.

Foto: [Phil Yeomans]
Xa están aquí os famosos piratas ingleses que, segundo parece, nesta ocasión chegan en son de paz. Veñen - ou iso alomenos din as crónicas- coa única intención de entregar unha cruz que salde, en parte, aquela vella débeda contraída polos corsarios británicos hai xa varios séculos (seis concretamente) cos nosos antepasados fisterráns.
Os piratas ingleses de Poole entregan a cruz en Fisterra
Unha crónica do xornalista de La Voz de Galicia, Santi Garrido.
Entrevista de Vieiros a Saraiva de Carvalho
publicado o 07 Maio de 2008 ás 11:18 por Modesto Fraga.
"A utopía que eu teño da democracia directa e do poder popular está a xurdir"
Foto: César Galdo
Magnífica entrevista de Vieiros a unha das figuras senlleiras da Revolução dos Cravos, Otelo Saraiva de Carvalho. Grazas a persoas coma el, capaces de arriscar as súas vidas polos dereitos dunha sociedade máis xusta e igualitaria, todos os demócratas do mundo, amantes da paz e da liberdade, somos un pouco máis grandes.
Aquel día, 25 de abril de 1974, ás 00:25 horas, a Rádio Renascença transmitía os acordes da famosa "Grândola, Vila Morena", unha canción revolucionaria de José Afonso que, aínda hoxe, nos conmove sobremaneira.
Día internacional do libro
publicado o 23 Abril de 2008 ás 11:58 por Modesto Fraga.

Hoxe, 23 de abril, os amantes da palabra e da liberdade celebramos o Día Internacional do Libro; conmemoración instituída pola Unesco en 1995. Esta data, coincidente coa do falecemento de dúas das máis egrexias figuras da literatura universal: Miguel de Cervantes e Willian Shakespeare, en 1616, permítenos adentrarnos no libro como fonte inesgotábel de coñecemento e de diversidade de ideas e, á vez, como expresión de deleite, ocio e desfrute.
Un dos lugares onde maior arraigo ten esta data é en Catalunya, cos preparativos do emotivo Sant Jordi, con rúas ateigadas de libros que se cambian por rosas. Nós, os galegos, coma seres orgullosos dos/as creadores/as dunha lingua de prestixio, tamén queremos celebralo aquí e da mellor maneira: cun poema maxestuoso dunha das voces poéticas máis sobranceiras da historiografía literaria do país: Ramón Cabanillas.
EN PÉ
(A Luis Porteiro)
¡Irmans! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazon aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra a man da oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galiza,
¡cantémo-lo direito á libre nova vida!
Validos de traidores
a noite Frouseira
a patria esclavizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
¡Irmans asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!
¡Irmans no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos a non morrer sen loita!
¡O dia do Medulio
con sangue quente e roxa
mercamo-lo direito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
A nosa Terra é nosa "
De piratas e piratería
publicado o 22 Abril de 2008 ás 17:36 por Modesto Fraga.

O xornalista de La Voz de Galicia, Santi Garrido, sorpréndenos hoxe (xa o fixo tamén o pasado sábado) cunha singular reportaxe de piratas e de roubos na secular igrexa Santa María das Areas (Fisterra).
Como queira que o tema -non sei se o cronista o fixo a propósito, pero nin queréndoo- está de rigorosa actualidade (aínda seguimos á espera de que as autoridades españolas solucionen, canto antes, o conflito cos mariñeiros secuestrados en Somalia), cólgovolo aquí para que botedes unhas risas e poidamos así, entre todos/as, poñerlle boa cara ao mal tempo.
De ginjinha até as orelhas
publicado o 15 Abril de 2008 ás 12:48 por Modesto Fraga.
Acabo de regresar de Lisboa e, malia as moitas responsabilidades que me quedan por diante nos próximos días, non son quen de dixerir a rutina cotiá logo da maxia poderosa que me embriagou ao longo de tres intensas xornadas de feitizo poético na patria de Luís de Camões, de Fernando Pessoa, de António Lobo Antunes.
Porén, sen pretender alimentar aquí, agora, a lóxica saudade dos que, dalgunha maneira, verán nas miñas palabras un certo tufillo a provocación malintencionada (no bo sentido da palabra, claro), nada máis lonxe das miñas intencións. Sucede que, despois de moitos anos arelando coñecer os fermosos rueiros da capital ibérica por excelencia, como gosta definila o meu amigo Hugo, un non pode menos que reflectilo así, desde a emoción máis alta e, se callar, sincera, obxectiva.
Como comprenderán e, en boa medida, saberán escusar os amigos e amigas, xenerosos visitantes desta casa, non está no meu ánimo referir aquí, en a penas unhas liñas, todo o periplo vital que abrangueu a miña visita a Lisboa a pasada semana. Deixo, iso si, para compartir, unha instantánea do noso paso pola loja máis reputada da cidade no que atinxe á saborosa e delicada ginja, da que demos boa conta e que, segundo puidemos comprobar, foi fundada por un galego alá polo século XIX. Para que logo digan algúns que o tal paisano que disque está na lúa non pasou por Lisboa. Que llo pregunten a ela e ao seu cartão universalmente coñecido desde a Alfama pasando polo Rossio, a praza do Comércio, a Baixa, o Bairro Alto...
Premios Nacionais da Cultura Galega
publicado o 09 Abril de 2008 ás 17:51 por Modesto Fraga.
A
Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que dirixe
Ánxela Bugallo, vén de dar un paso de xigante a prol da normalización e dignificación da nosa identidade ao convocar a primeira edición dos
Premios Nacionais da Cultura Galega. Estes galardóns, dotados con 15.000 euros, " constitúense como unha ferramenta para visibilizar diante da sociedade o traballo de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega polas súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial",
segundo anuncia o comunicado oficial emitido polo departamento de Cultura autonómico.
Son varias as modalidades obxecto do presente recoñecemento, ao que poderán optar as institucións e/ou entidades relacionadas co mundo artístico-cultural através das súas respectivas candidaturas: Premio Nacional de Arquitectura, de Artes Visuais, de Artes Escénicas, de Literatura, de Música, de Patrimonio Cultural, Divulgación Científica, de Cine e Audiovisual, de Iniciativas Culturais e de Cultura Tradicional.
Todo un luxo para un país coma o noso que, sen complexos de ningún tipo e cun inxente patrimonio cultural ás súas costas, olla para o mundo coa mirada ben elevada. Parabéns, pois, aos organizadores.
O mago das palabras conquista as burgas
publicado o 03 Abril de 2008 ás 13:29 por Modesto Fraga.
Unha vez máis -e xa van tantas que o cronista non dá abasto a recollelas todas- a poesía exquisita de Rafa Villar volve estar de actualidade. E faino, como de costume, entrando pola porta grande, polo lugar reservado para os privilexiados co don da palabra; aqueles que, coma Merlín, ese mago tan entrañábel e, á vez, tan convocado pola nosa tradición literaria, saben tratala con tacto delicado e concisión máxima.
Esta mesma semana, coincidindo coas primeiras raiolas primaverais, ou quizais por iso mesmo, o xurado da XXIV edición do prestixioso certame de poesía "Cidade de Ourense" acordaba, por unanimidade, concederlle a Rafa Villar o máximo galardón pola súa obra Migracións. Un novo recoñecemento, non cabe dúbida, ao xenio creador dun dos poetas máis prolixos e innovadores da poesía galega contemporánea. Non hai máis que repasar, así de memoria, o seu amplísimo e colosal catálogo bibliográfico para percatarse da evidencia desta afirmación: Liques da memoria, No mesmo espacio, O tributo da tarde, A sotavento dunha singradura, Casa ou sombra ou Memoria de Ahab son só un pequeno ronsel de maxia-poética na amplitude oceánica na que navega o barco lírico de Rafa.
Porén, aínda que xa felicitado persoalmente através do correo electrónico, aproveito a marea cibernética (ou cibernáutica; case mellor este calificativo polo que ten de "náutico") para mandarlle a Rafa, desde aquí, a máis fonda das apertas e para testemuñarlle, de paso, a profunda admiración dos que, día a día, presumimos e gozamos de ser lectores da súa maxia lírica.
Tedes, amábeis lectores/as, máis información pinchando aquí.
Rafael Mouzo abandona a política activa
publicado o 31 Marzo de 2008 ás 15:28 por Modesto Fraga.
(Foto: II Encontro de escritores/as da Costa da Morte. Corcubión, xuño 1998)
Con sorpresa e incredulidade recibo a nova da renuncia, como alcalde de Corcubión, do nacionalista Rafael Mouzo Lago. Malia sermos coñecedores dos problemas de saúde que, dun tempo a esta parte, viñan facendo mella na delicada fisionomía do admirábel político e mellor persoa, o certo é que a decisión, anunciada hoxe mesmo, non deixa de sorprender e, á vez, preocupar sobremaneira.
Despois de varias décadas de intensa e fructífera actividade política que contribuíron, sen ningunha dúbida, a impulsar e fortalecer os valores democráticos na nosa bisbarra e que o converteron nun dos referentes capitais do nacionalismo na Costa da Morte (e tamén do propio país), o munícipe corcubionés colga as luvas definitivamente e propicia, con esta decisión, unha remuda xeracional que non poucos críticos coa súa xestión lle viñan reclamando nos últimos tempos.
Vaise, pois, un político con maiúsculas e unha persoa, se cadra, aínda máis elevada nos valores morais e humanos. Un home sensíbel con vocación de poeta indomábel e espírito solidario.
Desde aquí queremos desexarlle a Rafael unha pronta recuperación e mandarlle, con todas as nosas forzas, a máis fonda das apertas. Ánimo, compañeiro.
Que máis pode sorprendernos?
publicado o 28 Marzo de 2008 ás 14:13 por Modesto Fraga.

Non sei que pensaredes, meus fieis e sabios amigos/as, a respecto da sorprendente e singular noticia do embarazo dun varón, transexual, norteamericano. Polo que a min respecta, confeso publicamente a miña extrema ignorancia sobre o debate de temas coma este no que conflúen o factor humano, o científico, o ético-moral, o relixioso, o sexual, o estritamente social, etc. Con certeza, vivimos nuns tempos nos que a liberdade (qué palabra tan chea e, á vez, en ocasións, tan carente de contido práctico) e o dereito individual (idem) a elixir libremente a vida que desexamos non sempre encaixa cos "valores" prototípicos da sociedade nin moito menos, se me apurades, cos suburbiais prexuízos que, no fondo, latexan tan presentes no noso particular día a día.
Porén, o anuncio desta impactante noticia, que provocou un inmediato e mediático cataclismo mundial no ámbito informativo, volve situar na palestra do debate público a controversia sobre atá que punto a nosa sociedade está capacitada para emitir determinados xuízos que abranguen tantos e tan diversos aspectos. Cada un de nós, como é lóxico, pode ter unha opinión favorábel ou desfavorábel sobre este asunto en virtude dos condicionamentos a que nos ateñamos. O que a algúns poden considerar inmoral desde o punto de vista científico (realizar operacións de cambio de sexo, poñamos por caso) ao mesmo tempo pódelles parecer moral desde unha perspectiva humana, solidaria, respectuosa coa persoa que decide o que considera mellor para sí.
Está claro que, cada día que pasa, a nosa sociedade non para de sorprendernos con todo tipo de situacións. Agora é un home en estado de boa esperanza. Antes a muller que, de pronto, era un home e o home, muller. Nun tempo o debate avanzaba pola senda da autosuficiencia feminina á hora de prescindir dos "servizos" masculinos para garantir a fertilidade e, agora, o macho que tamén pode parir e demostrar, así, que a supervivencia da especie humana non é soamente cousa das fillas de Eva. En fin, como que mañá, despois dun almorzo tranquilo, nos atopamos cun titular informativo así: "Un can pare unha gatiña persa e unha foca ártica alumbra un guepardo de Tanzania".
« Anterior
|| 1 |
2 |
3 |...|
17 |
18 |
19 || Seguinte »