ESCOLMA POÉTICA
I
AQUEL VERÁN DIXECHES QUE ME AMABAS.
Non era amor, mais ti falabas delo.
Falábasme do amor, do noso selo,
e que era a min soamente a quen buscabas.
Aquel verán dixeches que me amabas.
Que ansiabas de entre o amor o máis sinxelo:
percorrer cos meus beizos o meu pelo
e tocarme coma só ti me tocabas.
Aquel verán dixeches que me amabas.
Que non tiveras antes quen te amara,
nin quen te amara tanto ti tiveras.
Aquel verán dixeches que me amabas.
Dixeches que deixándome perderas
o día en que pra sempre te marchabas.
II
CANDO ninguén nos mire e o inverno axite as árbores
con tal intensidade que o mesmo vento trema.
Entón virás caída cal seca folla errante
a poboar a cidade das casas de madeira.
Forestas que forxamos de luz e primavera
onde o sol sempre aluma denantes de ser día.
Ti mais eu caminando por selvas mestas, vales,
na ilusa urbe erixida de táboas e bambús.
Cando ninguén nos mire e sexa só o Noso
ese lugar que o olvido a recordarnos teima.
Poboaremos canas e enxebres chaboleiras
para que non derruben o amor do noso exilio.
E construiremos fragas, lúas e equinoccios,
algarves e macondos e lares nunca ouvidos.
Recolleremos canto da terra fértil nace
nas horas en que o sol perece no crepúsculo.
III
DEIXA que te imaxine neste inverno de rosas
e harmonía. De aromáticas horas
devalando nos pregos do teu corpo,
na cálida ambrosía do teu sexo:
esa doce nudez inusitada
que invita a posuirte a cada intre.
A percorrerte despacio
na lentura das noites, na certeza do clímax.
Trazando un cadro abstracto de versos e saliva.
E nomearte logo, sen pronunciar palabra,
convocando o silencio,
impregnados de pole e de loucura longa,
amándonos nun gozo indescritible
neste inverno de rosas e harmonía.
IV
ASÍ, caladamente
agardar as palabras dos teus labios
outonizos
merecer a mornura
do teu corpo
tenro en primavera
as dóciles caricias
dos teus dedos
delicados
como o estío
como uvas
saborosas e docísimas
no inverno
V
EXISTES porque habitas
a distancia que nos une co tempo.
Polo solsticio último
que nos ensinou a amar
na soidade de sentírmonos xuntos.
Pola paixón dos corpos
extasiados na experiencia prohibida.
Polas palabras ditas
perante o propio oído
da distancia que nos une, amada.
Existes porque agardas
novos outonos para volver a amar
e sentírmo-lo sangue
da paixón desenfreada
latexando novamente, meu amor.
E na feliz distancia
que prendeu a unión dos nosos corpos,
lembrareime, amada,
que no solsticio último de inverno
existo por que sei que existes.