
O poeta noiés Manuel Lôpez Rodrigues, autor do poemario Antítese nativa, permítenos que presentemos hoxe aquí a súa obra; un poemario inzado de emocións, de compromiso, de alento vital. O poeta, fiel á súa exquisita sensibilidade, bríndanos aos seus lectores o privilexio de gozar da boa poesía, de alimentar o espírito, de reafirmármonos na vontade de reiterpretar o mundo, de sentírmonos máis libres, máis humanos.
Por motivos de imposibilidade tecnolóxica (lamentablemente aínda non dispomos das ferramentas necesarias para ver e, xa que logo, escoitar a Manuel a través da pantalla do ordenador) non podemos contar coa súa presenza física neste acto de presentación. Con todo, estamos convencidos de que os seus versos serán máis que de abondo para podermos desfrutar do poder da palabra, da verdadeira poesía, da que ilumina. Aquí non precisamos de greladas, de "Don Celidonios", nin de individuos que infravaloran e desprezan a identidade cultural do país. Aquí habita a palabra, a poesía, a literatura (con maiúsculas). Grazas, poeta.
"Baixara os escombros
turbamulta escoando o silencio
aparente tremor e fugaz martirio
lugar amado
(sedimento).
Agora que aponteo incesante
vento que bates
a imagem divina daquela que chega a terra
e aterra neste porto
de vougo que é Siza.
achar morte na circunstancia
capitam varado
que apodrece deitado na praia
que aponteo"
Manuel Lôpez Rodrigues
(Do libro "37 poemas por man propia")