Enviar a:Engadir ó correo esta mensaxe:
O teu e-Mail:
Nome Destinatario:
Nome Remitente:
  formato HTML


O Cabo Fisterra, Patrimonio europeo

 

cabo_fisterra_400

 

 Aí é nada. O noso milenario Cabo Fisterra vén de ser recoñecido onte co galardón de "Patrimonio Europeo", outorgado, nin máis nin menos, que pola UE. Segundo as numerosas informacións aparecidas nos diferentes medios de comunicación, esta é a primeira vez que se concede esta distinción que recoñece, por unha banda, un enclave paisaxístico excepcional e, por outra, o significado que Fisterra ten como fin do mundo occidental aos ollos incrédulos de quen, nalgunha ocasión, desfrutou do privilexio "celestial" de visitar o noso "Mare Tenebrosum".

De todas as propostas valoradas polos expertos europeos tan só 30 delas acadaron o prestixioso galardón. Co noso Cabo, foron recoñecidos tamén outros tres "bens de interese" españois como o Mosteiro de Yuste, a Residencia de estudantes de Madrid (frecuentada, como todo o mundo sabe, polos principais poetas da xeración do 27: Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luís Cernuda ou Miguel Hernández, entre outros) e o Arquivo Histórico da Coroa de Aragón. Case nada.

O vindeiro luns, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, asistirá ao acto de proclamación oficial, que terá lugar no Mosteiro de Yuste (Estremadura), onde coincidirá coa Ministra de Cultura, Carmen Calvo, e co presidente da comunidade estremeña, Rodríguez Ibarra. Que vaia alguén de Fisterra, por favor!