Palabra de poeta
publicado o 18 Marzo de 2002 ás 13:02 por Modesto Fraga.
Sección: APUNTES LITERARIOS
Hai uns días tiven a sorte de asistir a un magnífico espectáculo de música e poesía titulado "Palabra de Poeta", que organizou o sempre activo e comprometido Concello de Outes, morada física e literaria do insigne patriarca das nosas Letras, Francisco Añón.
A magnitude deste recital, coordenado extraordinariamente polo recoñecido poeta e profesor Luis González Tosar, acompañado polos integrantes do grupo de música tradicional do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), dificilmente poida ter un calificativo acorde a tanta beleza, a tanta paixón, a tanta sensibilidade artística.
Foron a penas sesenta minutos de velada, unha hora intensísima de versos dos nosos autores máis clásicos; sesenta viaxes ó máis íntimo da expresión humana, sesenta maneiras, en definitiva, de indagar na dozura duns poemas inzados de coraxe, de melodías perfectas nun atardecer diáfano e abondosamente cálido.
Cálido como a voz sempre firme dun verso de Méndez Ferrín ós seus amigos de ferro e dinamita, como un beixo de Añón percorrendo, silente, as sosegadas augas que devalan na ponte Nafonso, ou cálida como a expresión doce e sempre agarimosa dese grande poeta e benquerido amigo que é Luis González Tosar.
Decididamente, pretender explicar nestas breves liñas a desmedida emoción que devén un espectáculo deste calibre semella cando menos unha temeridade. Basta con escoitar os sons dos músicos do Igaem para percatarse dos reiterados calafríos que a un lle suceden durante toda a velada, emocións tan singulares como recíprocas. Poucas veces un acto literario conseguiu penetrar tan adentro, remover conciencias, despertar o espírito.Fálase de que o espírito da poesía viaxa connosco a todas partes. Con certeza os poemas, a música e a voz de González Tosar aínda ecoan na nosa retina.
Parabéns ó Concello de Outes, pois acertou de cheo organizando esta máxica viaxe pola poesía e a nosa música máis tradicional. Oxalá os demais concellos da nosa comarca tomen boa nota e nos agasallen o antes posible con este espectáculo que, dito sexa de paso, é totalmente gratuito e conta co apoio da Consellería de Cultura.
Xa como remate, e parafraseando a Ferrín, un dos homenaxeados nestes versos de paixón e melodía, «a poesía ilumina, gardádea ben».
Os meus desexos van tamén nesa senda.
(La Voz de Galicia, 12/06/2001)
Afrentas de lucidez
publicado o 21 Febreiro de 2002 ás 12:42 por Modesto Fraga.
Sección: TERRA E XENTE
Coas calores propias das datas nas que andamos chégame, case por casualidade, a boa e felicísima nova da exposición "A imaxe e semellanza", de Fran Herbello; xove pontevedrés de Cangas, que por vez primeira, fai porto nesta singradura da Costa da Morte, ofrecéndonos un conxunto novidoso de fotografías pletóricas, sensoriais, crúas; e que puidemos desfrutar ata hai uns días e desde os últimos vestixios dun mes de xullo inexistente, no decurso dos numerosos e selectos actos do verán cultural ceense e no marco incomparable da Fundación Fernando Blanco de Lema.
Foi arte, imaxe, evocación do caos.Debo recoñecer, non obstante, que a magnitude do traballo de Fran Herbello non me colle por sorpresa, e moito menos a escuras. E non é así pola sempre atenta e meritoria bagaxe promocional que pola arte fotográfica levan desenvolvido tanto Manuel Sendón como Xosé Luis Suárez Canal, verdadeiros artífices deste universal milagre que é o Centro de Estudos Fotográficos; non en van, hai apenas unhas semanas que deixaron nas miñas mans un libro que recolle as citadas fotografías nunha edición coidadísima e moi atractiva.
É esta a mesma colección na que aparecen álbumes de autores coma poden ser e son Rut Massó, Karen Knorr, Prazmowski, Ruth Thorne ou o aínda recente de Antoine D''agata.
Nesta exposición que finou puidemos contrastar imaxes dunha dureza física pouco común representadas no imaxinario dun pé masculino, só cuberto pola lazada duns cordóns deportivos, con outras de exquisita e delicada tenrura, como son o niño viril dun ave meditando a orixe de tantas existencias, ou a luz dun lirio perpetuo derretendo silencios enxordecedores.
Son, en definitiva, instantes ou afrentas de lucidez e imaxinación dun xove creador que nos chega directamente do universo sensitivo, e que arribou neste noso peirao máxico fisterrán sen apenas elevar as áncoras que fondeara recentemente no Círculo de Belas Artes de Madrid.
Corren temnpos rotos. Sinfraduras de silencios e baleiro. Fran Herbello sábeo. Por iso no seu devalo entrecortado, nos seus soños, agarda novas esperanzas para este mundo que proclama ós catro ventos á súa imaxe e semellanza.
(La Voz de Galicia, 22/08/2001)
O Sahara en Fisterra
publicado o 08 Xaneiro de 2002 ás 11:58 por Modesto Fraga.
Tribuna Aberta La Voz| Carballo
Foi a do venres unha xornada moi gratificante a que tivemos en sorte vivir todos cantos asistimos á charla-coloquio que o profesor Xerardo Agrafoxo tivo a ben impartir en Fisterra, dentro dos actos de Nadal organizados pola asociación Costa da Vida.
Realmente, a sesión non tería nada de particular se non se tratase dun dos temas máis sangrantes, delicados e inhumanos que a sociedade actual está a presenciar tódolos días do ano desde hai xa preto de 30.Unha situación que nos invita á meditación, á reflexión e, fundamentalmente, á solidariedade. O conflicto saharahuí, de veras, dunha ou doutra maneira, a moitos de nós, danos a impresión de que non é só un problema deles, deses milleiros de seres humáns; ben sexan nenos, mulleres ou homes os que deambulan como ánimas en pena contra vento e marea, dun lado a outro, á procura do seu territorio roubado, do seu El Dorado, do seu fogar tantas veces colonizado.
Esa bendita palaxa que fica, coa complicidade covarde do mundo, baixo a tiranía do governo marroquí, que procura fosfatos e petróleo sen percatarse de que o maior tesouro do mundo é a liberdade do individuo e, ante tal tesouro, maldigo o desprezo cómplice dun mundo noso silencioso como covarde, que prefire mirar para outras latitudes no canto de solucionar definitivamente tan terrible inxustiza.
Por iso me reafirmo na tese de que o problema saharahui, como o de Palestina e tantos outros pobos aldraxados polo poder imperialista, é un asunto vital para todos. Para toda a humanidade. Porque todo corazón ten dereito a later na súa terra, e descubrir en paz as súas orixes.
Ó pobo saharahuí obrigárono a deixar atrás o seu corazón. Pero a vida sempre ofrece dúas tiradas. E eles, heroes, apátridas forzosos regresarán, si, regresarán a esa feliz utopía que é o regreso, despois de camiñar á interperie nese deserto maldito que fere cando queima o frío presentando os seus desleixos de morte.
E regresarán porque o regreso é froito da esperanza que nace do corazón, porque tamén regresou o mítico Ulises da súa viaxe a Itaca, porque toda a humanidade é un regreso constante.
E porque se non regresan a humanidade, o corazón, a vida, xa non terían demasiado sentido.
« Anterior
|| 1 |
2 |
3 |...|
30 |
31 |
32 || Seguinte »