Onde está o sentido común?
publicado o 21 Xuño de 2006 ás 14:37 por Modesto Fraga.
Este mércores, 21 de xuño, día que anuncia a chegada do verán, o xornal La Voz de Galicia achéganos unha información que nos enche de vergonza a todos os que presumimos de fisterráns polo mundo adiante.
Nada hai máis frustrante que abrir un xornal e atoparse con referencias negativas á terra de onde un é.
Por suposto non sempre é así. Por iso, ante o vandalismo, os que teñen algún tipo de responsabilidade municipal deberan facer algo máis que cobrar polas súas asistencias a plenos e comisións.
Como todo o mundo sabe, en Fisterra, patrimonio, o que se di patrimonio, non temos moito. E o que hai, deberiamos coidalo un pouco.
Por desgraza, aquí, a conciencia patrimonial é a que é. E claro, así nos vai!
A voltas co galego
publicado o 19 Xuño de 2006 ás 11:31 por Modesto Fraga.
O pasado venres, o escritor, historiador e investigador Marcos Valcárcel asinaba, no xornal "Galicia hoxe", un extraordinario -e non menos interesante- artigo titulado Denuncias no reino do disparate.
Como é habitual nas columnas do brillante articulista ourensán, o artigo que nos ocupa é todo el unha revelación, clara e concisa, da situación actual do galego a respecto de determinados movementos que, nos últimos tempos, se están a dar por parte dalgúns "iluminados" que se cren a única autoridade do idioma patrio.
Como queira que a nosa lingua -a de todos- non é, nin nunca foi, propiedade de ninguén (partidos políticos, organizacións sectoriais afíns, etc), esta literaria casa súmase plenamente ás precisas e valentes argumentacións do intelectual ourensán e aproveita, co seu permiso, para reproducilas na súa integridade.
Conscientes do grande interese que o artigo de Marcos Valcárcel, a bo seguro, suscitará entre os lectores e lectoras do noso país, velaí vai: desfrutádeo, pois ilumina!
Denuncias no reino do disparate
(Andoliña venres 16 xuño)
Por Marcos Valcárcel
Carlos Callón, segundo informan os xornais, decidiu denunciar a Presidencia da Xunta e a Consellería de Educación diante do Consello de Europa por presuntas trabas ao proceso de normalización do idioma: a nova pertence, como outras que cada día chegan á prensa escrita, ao reino do disparate. Ninguén en Galiza pode pensar que o problema do galego hoxe sexa Emilio Pérez Touriño ou calquera outro alto cargo do seu goberno. Pérez Touriño preside un goberno progresista e galeguista, que se comprometeu a aplicar o Plan de Normalización Lingüística e que está a anunciar medidas novas en defensa do idioma, discutíbeis, como todo, pero orixinais de seguro.
Que sucede logo? A única explicación que entra dentro do campo da razón é que estamos ante un novo episodio de loita partidaria, cun certo aceno sectario e mesmo contraproducente na intelixencia política do goberno de coalición: non esquezamos que o goberno denunciado ante o Consello de Europa é tamén o goberno dos nacionalistas do BNG (ou non?). Callón e os seus colegas están a tirar por terra, con este tipo de actuacións, o creto político que a Mesa gañou en moitos anos en amplos sectores do noso tecido social.
Poetas e Narradores nas súas voces
publicado o 14 Xuño de 2006 ás 11:53 por Modesto Fraga.
O Consello da Cultura Galega, a través da sección de literatura e industrias da edición, vén de publicar o segundo volume do proxecto Poetas e narradores nas súas voces, dándolle continuidade, así, ao primeiro libro, editado no 2001, e coordenado pola escritora Luísa Castro.
Nesta nova entrega aparecen poemas de dezaseis autores -representativos de varias xeracións- en palabras de Luís González Tosar, coordenador da publicación reseñada, a carón de catorce dos nosos máis destacados prosistas.
A nómina lírica fórmana Manuel Álvarez Torneiro, Víctor Campio, Arturo Casas, Modesto Fraga, Mª do Carme Kruckemberg, Antón Lopo, Xosé Miranda, Gonzalo Navaza, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xohana Torres, Dora Vázquez, Pura Vázquez, Helena Villar Janeiro e Miro Villar.
Por parte dos narradores, teñen obra neste volume Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Tucho Calvo, Ramón Caride, Fina Casalderrey, Francisco Fernández del Riego, Xosé Fernández Ferreiro, Bieito Iglesias, Imma López Silva, Ramón Loureiro, Xavier Queipo, Anxo Rei Ballesteros, Antón Riveiro Coello e Euloxio R. Ruibal.
O libro conta, ademais, con dous CD´s nos que os autores e autoras escolmados dan lectura aos textos seleccionados na publicación.
Memoria necesaria
publicado o 07 Xuño de 2006 ás 11:06 por Modesto Fraga.
Grazas ao excelente labor de recuperación da memoria histórica desenvolvido polo Ateneo Republicano de Galicia, e froito das minuciosas investigacións levadas a cabo por un dos nosos máis grandes escritores nese eido, Luís Lamela García, contamos xa cun magnífico libro que ofrece nova luz a un dos capítulos máis escuros da nosa historia recente.
O volume de Luís Lamela, titulado Un monumento en el Campo da Rata. Razón y génesis, continúa maxistralmente anteriores entregas como Crónica dunha represión na Costa da Morte, Pepe Miñones, un crimen en la leyenda ou Foucellas.
Nunha das pasaxes deste iluminador e, a veces, estremecedor documento, atopamos parágrafos coma o que a continuación reproducimos: «En total, los muertos por la represión franquista en punta Herminia, el Campo da Rata y sus inmediaciones, entre paseados y fusilados, ascienden a alrededor de 200 individuos, entre el 25 de julio de 1936 y el 1 de abril de 1939».
Nin que dicir ten que, afortunadamente, e citando versos pondalianos, os tempos semellan "ser chegados". Nese senso, libros como o de Luís Lamela contribúen decisivamente a que, dunha vez por todas, se faga xustiza e se recoñeza aos que valerosamente defenderon a liberdade, o goberno lexítimo da República e, por suposto, aos homes e mulleres que morreron loitando por tan dignas e nobres causas.
Parabéns, amigo Luís. E noraboa por abrirnos os ollos á luz da verdade.
A publicidade bendito tesouro....
publicado o 05 Xuño de 2006 ás 23:29 por Alejandro Conde.
http://www.finisterrae.org/ tal e como anteriormente fixera La Voz de Galicia, faise eco da creación desta nova web na súa páxina principal. O Artigo di exactamente:
NOVAS WEBS NA COSTA DA MORTE
A Costa da Morte conta con tres novos espazos en internet:
FESTASDOCARMEN.COM: diario dixital onde se poderá encontrar todo tipo de información referente ao Concello de Camariñas.
MODESTOFRAGA.COM: web do poeta fisterrán Modesto Fraga, un espazo onde se pode atopar a súa biografía, obra e novas culturais.
XALLAS.ORG: web adicada ao fútbol da Costa da Morte e que conta cun apartado onde se pode opinar sobre algún tema de interése social.
Ademáis en blogoteca.com acábanse de abrir dous novos blogs referentes á Costa da Morte, un dos cales pertence ao escritor Xosé M. Varela.
«Gracias a finisterrae.org e a todo aquel que de algún xeito
ou outro contribúa a expansión deste lugar web.
Alejandro Conde.»
Jurjo: o home á sombra do artista
publicado o 05 Xuño de 2006 ás 14:00 por Modesto Fraga.
O que son as cousas. A maior parte dos medios de comunicación escrita fanse eco hoxe, nas súas páxinas, da desaparición de Manuel Calo Marcote, Jurjo; un mariñeiro fisterrán, sinxelo e traballador, un home que, por esas casualidades da vida, por se atopar alí, naquel azaroso intre, pasou a se converter na imaxe por excelencia do fenómeno migratorio galego de mediados do século pasado.
Aquela instantánea, crúa e conmovedora, na que aparece chorando a carón do seu fillo Juan no peirao coruñés, inmortalizada para sempre nos anais da nosa historia máis amarga captáraa, con verdadeira mestría, a vella cámara do malogrado Manuel Ferrol, un mito da fotografía con maiúsculas, da mirada sempre atenta e delicada.
Sería, pois, unha inútil obviedade reiterar aquí o valor da referida imaxe no que atinxe ao seu universalismo, á súa proxección e, desde logo, ao seu significado para comprendermos, se cadra mellor, a sangría que representou para o pobo galego a traxedia da emigración. Porén deixaremos que sexan os críticos especializados e o propio paso do tempo quen valoren, na súa xusta medida, a dimensión da grande arte captada polo xenio creador de Manuel Ferrol e personificada en dous anónimos rostros amargos, cheos de dor e sen apenas consolo.
O pasado martes o cemiterio fisterrán converteuse nun segundo peirao coruñés, nunha nova vella diáspora, se callar máis distante e misteriosa. O motivo: despedir a un símbolo da despedida. No camposanto as modernas cámaras dixitais reemprazan os antigos aparellos de fol que o malogrado fotógrafo do Vilán empregara nos seus comezos artísticos. Lonxe queda xa aquel ano de 1957 á espera da botadura do "Juan de Garay" deica terras de maior fartura. Medio século de tránsitos e de silencios aínda sen cicatrizar.
É evidente que Jurjo, malia o seu anonimato, é xa unha parte importante da historia do noso país. Pero non dunha historia calquera. Forma parte da grande historia, da negra e da máis sufrida, posibelmente, pero da historia que a moitos lle tocou vivir. A uns desde aquí e a outros desde a outra beira do atlántico, desde ultramar. Para el, a diferenza dos que recolleron fortuna nas xenerosas terras americanas, a historia dispensou un privilexio maior: o privilexio da arte, a permanente presenza de toda unha simboloxía, dunha identidade común para os homes e mulleres dos días que virán. E aí, amigo Jurjo, ficas ti, para sempre, en letras de ouro, anónima e omnipresentemente.
La Voz de Galicia/ Edic. Carballo
Sección: Apuntes literarios 03/06/2006
Que as palabras non as leve o vento!
publicado o 31 Maio de 2006 ás 17:20 por Modesto Fraga.

Vaise cumprir un ano desque o concello de Fisterra anunciara publicamente a concesión ou tramitación de "Fillos adoptivos" da vila a dúas persoas que, efectivamente, merecen tal distinción e recoñecemento. Meréceno como escritores, como docentes, como entusiastas da cousa literario-cultural e meréceno, por riba de todo, polo seu amor a este confín atlántico, a esta fisterra milenaria e deprimida politicamente. O devandito anuncio realizábao, cómo non, o señor alcalde, aproveitando, claro, o momento e vendéndollelo deseguido aos diferentes medios de comunicación.
O caso é que -como digo- xa vai alá un ano e, se cadra, se ninguén se pronuncia logo irán dous, e logo tres e así o tempo irá e virá nas mesmas latitudes que de costume. E os poetas -vigorosos eles, algúns, non todos- sairán a berrar e a reivindicar MEMORIA e tamén xustiza (xustiza poética, claro, xa que da outra...da outra apenas queda) e pedirán que
Rosa Méndez e
Pepe Leira sexan recoñecidos dunha vez por todas, ou dunha p. vez, que, a fin de contas, ven a selo mesmo.
Mais o alcalde, habelencioso el nas cuestións zorrescas, herdanza natural do "prateado", fará como que non se entera e así "que as palabras as leve o vento", pensará pasa si mesmo.
E nesas alguén dirá: "Vaites, ho, éche ben desgraciado este pobo". Primeiro foi o egrexio Alejandro Finisterre o desprezado polo docto pleno municipal e agora sono dous poetas ferroláns que fixeron máis pola promoción do camiño que todos os ilustres concelleiros gobernantes. Un camiño, como moi ben apuntaba a cronista de La Voz de Galicia, Lorena M. Canosa, que no seu día serviu, ademais de para visitar a tumba do Apóstolo Santiago, como un lugar onde se a analizaba a realidade social e política ou económica.
Pero nada disto semella importarlles aos nosos politiquillos. Como digo: "Que as palabras non as leve o vento", por favor.
Herdo do canto, de Arcadio López Casanova
publicado o 30 Maio de 2006 ás 13:54 por Modesto Fraga.

Arcadio López Casanova recolle o IV Premio de poesía Caixanova
Cun poemario que xira arredor dalgúns dos temas máis tratados na literatura universal: o amor, a morte, o exilio e o paso do tempo, chega unha nova entrega do poeta lucense Arcadio López-Casanova. Editado polo P.E.N. Clube de Galicia e por CAIXANOVA, este volume consolida unha colección, "Arte de Trobar", que chega xa ao seu oitavo título, e que conta con obras de autores clásicos no noso sistema literario como Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Antón Tovar e Xohana Torres á par de creadores máis novos pero cun prestixio notablemente consolidado como Xavier Seoane (Dársenas do ocaso) María do Cebreiro (Non queres que o poema te coñeza) e Román Raña Lama (As metamorfoses do túnel).
Está claro que con esta nova aportación, que mereceu o IV Premio de Poesía Caixanova, o catálogo poético impulsado polo P.E.N. de Galicia cobra, se cabe, unha maior dimensión xa que o poemario referido é o primeiro libro de poemas que o autor dos "Mesteres" publica despois de preto de vinte anos de silenzo poético.
Nese senso, cobra especial importancia o feito de que nos versos de "Herdo do canto" atopamos, por unha banda, a versificación estrófica a que o poeta nos ten acostumados (con proliferación de sonetos perfectamente construidos e cun dominio da métrica só ao alcance duns poucos privilexiados) e, por outra, un tipo de poemas pouco comúns no conxunto da obra do noso autor. Desde aquí, desde esta casa, aproveitamos para saudar esta nova entrega poética de Arcadio López-Casanova que servirá, a bo seguro, para incrementar o noso patrimonio lírico, a nosa aventura particular, o noso mundo.
De soños clandestinos
publicado o 29 Maio de 2006 ás 16:34 por Modesto Fraga.
O P.E.N. de Galicia entrega os VI Premios Rosalía de Castro
O pasado venres, os que tivemos a fortuna de asistir aos actos de entrega da VI edición dos premios “Rosalía de Castro” celebrados en Santiago de Compostela, acudimos gozosos a unha memorábel festa da palabra, un encontro no que a cordialidade entre escritores e escritoras das diversas linguas do estado demostrou, unha vez máis, que a convivencia entre os respectivos sistemas literarios peninsulares é unha realidade cada vez máis efectiva e afectiva. A ocasión, como é lóxico, foi de absoluta excepción. Os premiados, malia que resulte unha obviedade reiteralo, dunha altura certamente notábel: Agustina Bessa-Luís, polas letras portuguesas, Josep Palau i Fabre, polas catalanas, Arantxa Urretabizkaia, pola lingua euskera, e Isabel Allende pola escrita en castelá. Así, con nomes tan sobranceiros no panorama literario universal, non é de estrañar que o referido acto resultase de grande interese para o público asistente.
Aínda ecoan na memoria as palabras reveladoras de Isabel Allende a respecto da situación da muller en países nos que a represión social, moral e relixiosa segue a ser unha constante perante a que as nacións permanecen no máis absoluto mutismo. A súa intervención estivo toda ela cargada de denuncia, de compromiso, de sinceridade. Apoiouse no exemplo de Rosalía, na vitalidade dos seus versos, na rebeldía do seu espírito. Os asistentes escoitamos, reflexionamos, e, en certo modo, maldicimos tanta inmobilidade, tanto pasotismo e tanta indiferencia nesta nosa era da “información” e do “coñecemento”. Como sinalou a escritora vasca Arantxa Urretabizkaia no seu discurso “A primeira frecha no camiño, Rosalía”, a respecto do labor realizado pola autora de “Follas Novas”, “feitos así danlle a razón a quen cre que mediante a letra escrita se sementan nas persoas grans que florecen” (...). Porén rexeitamos o “cruel silenzo” ao que se referíu o poeta Josep Palau na súa fermosa interrelación do negro período ocasionado por mor dos acontecementos recentes da historia de España coa sangría que o pobo galego tivo que padecer co gallo do seu peculiar drama migratorio.
Asistimos, pois, a un acto de ensoñacións e clandestinidade, como moi ben atinou a sinalar na súa laudatio a escritora Marilar Aleixandre. Unha conmemoración tremendamente emotiva onde a palabra saíu, unha vez máis, vitoriosa e reveladora. E niso, creo, radica o sentido da vida, o trascendental, o que queda, en definitiva. Todo o demais é, como apuntaba a escritora chilena Isabel Allende no xantar de benvida, “prescindíbel e relativo”.
Crucemos os dedos e soñemos. Oxalá que as palabras non se perdan no camiño das boas intencións.
Mañá entregaremos os VI premios Rosalía de Castro
publicado o 24 Maio de 2006 ás 11:43 por Modesto Fraga.
Chegou o día. Mañá xoves, ás oito da tarde, terá lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, unha nova entrega, a sexta, dos premios "Rosalía de Castro" que outorga, con carácter bianual, o PEN Clube de Galicia aos escritores e escritoras das diferentes linguas da península.
Un xurado formado por Luís González Tosar, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Modesto Fraga, Xesús Rábade Paredes, Bieito Iglesias e Úrsula Heinze, avalados polas propostas presentadas polos membros do clube literario galego, acordaron o recoñecemento destes galardóns ás traxectorias literarias de catro nomes fundamentais do universo literario contemporáneo.
A escritora Marilar Aleixandre será a encargada de realizar a laudatio dos premiados cun discurso titulado "Soñadoras, clandestinos".
Nesta edición os galardoados son a escritora chilena Isabel Allende, o poeta catalán Josep Palau i Fabre, a narradora portuguesa Agustina Bessa-Luís e a vasca Arantxa Urretabizkaia.
Posúen todos eles o recoñecemento unánime da crítica especializada. As súas obras son abondo coñecidas polo público leitor e abranguen títulos como "La casa de los espíritus" (Isabel Allende), "Poemes de l'alquimiste" (Josep Palau i Fabre), "As pessoas felizes" (Agustina Besa-Luís) ou "Saturno", de Arantxa Urretabizkaia.
Será un acto inolvidable, diferente. Estades todos convidados. A ocasión préstase e faise, de certo, propicia.
« Anterior
|| 1 |
2 |
3 |...|
27 | 28 |
29 | 30 |
31 |
32 || Seguinte »