Semblanza dun poeta: o Capitán Traba (1926-1980)

publicado o 12 Abril de 2010 ás 10:27 por Modesto Fraga.


pepe_traba_e_o_seu_fillo_roberto_en_fisterra_1964_400_02

27 de marzo de 1980, coa fatídica dor dun raio hernandiano, falecía na cidade da Coruña un eminente poeta fisterrán, escasamente coñecido no noso sistema literario pero que, pola súa sensibilidade e valía versificadora, ben podería ocupar un lugar de maior relevo no Parnaso poético do seu tempo. Trátase de José Traba Lorenzo, coñecido na localidade como Pepe Traba aínda que moitos dos seus veciños, por mor dos seus amplos méritos derivados dunha recoñecida formación militar, o coñecesen polo alcume do “Capitán Traba”.

Sen entrar a valorar algúns aspectos de notable interese e significación que, en todo caso, cumpriría fosen abordados canto antes por alguén con maior coñecemento ca min do periplo intelectual e vital deste insigne fisterrán, non podemos esquecer, agora que se cumpren tres décadas da desaparición física do poeta, a importancia que na súa vida tivo sempre a expresión literaria, particularmente a lírica, a escrita nos moldes da versificación estrófica. Non é casual, porén, que calquera lector minimamente interesado na arte literaria por excelencia fique asombrado perante versos tan emocionantes e poderosos coma os que o noso poeta nos legou nalgunhas das súas magníficas e brillantes composicións. Eis un exemplo da forza metafórica e da capacidade de síntese que Pepe Traba foi quen de crear, de poetizar, a partir do sentimento de fascinación que lle suscitaba a terra natal:

                                                                                

                                "Fisterra, terra do sofrir ardente,

                                terra chea de door que en ti se aferra

                                terra do mar máis que da mesma terra (...)".

          

         Mais non foi soamente Pepe Traba un autor especialmente preocupado por empregar nos seus textos a temática de corte paisaxística, tan cultivada pola meirande parte dos poetas do seu tempo. Ao contrario. Cómpre lembrar que no conxunto da súa produción, aínda non sendo excesivamente prolixa, atopamos poemas de moi diversa índole que nos permiten constatar a súa habelencia á hora de manexar todo tipo de repertorios temáticos e estilísticos. Se na estrofa anterior a patria ideal do poeta, o seu berce matricial e principal fonte de inspiración era Fisterra, agora son os seus habitantes, os mariñeiros de salitre e sufrimento, os que actúan coma un leit motiv ineludible:

          

                                             "Vinos pasar, co seu mirar altivo,

                                             e a testa erguida, nos ollos, misterioso

                                             un sereno brillar.

                                             Eu mireinos e, ó velos,

                                             vin coa alma o paso firme dun calado coloso

                                             que xeme ó camiñar".    

            Non quixera rematar estas liñas sen facer mención á imperiosa necesidade de recuperar do ostracismo a memoria de figuras do noso legado cultural como Pepe Traba e tantos outros que conforman a nosa particular historia. Só así poderemos construír o futuro. Avanzar, coñecer o que fomos, o que somos e o que seremos.




Aires de revancha no Clásico

publicado o 06 Abril de 2010 ás 15:38 por Modesto Fraga.


derbi_madrid_vs_bara_400

O vindeiro sábado varios centos de millóns de telespectadores deixarán a un lado as súas habituais preocupacións (traballo, paro, política, relixión, muller, home, fillos...) para gozaren dun dos meirandes espectáculos deportivos do ano; unha loita titánica, a cara de can, entre as dúas escuadras máis potentes do universo futbolístico de todo o planeta.

Chega o Clásico por excelencia, o "partido do século" (para algúns o do "milenio"), o grande duelo con maiúsculas. Nesta ocasión, ademais, os dous equipos chegan empatados a puntos (77) e nunhas condicións de igualdade que fan presaxiar un encontro apaixonante, tenso, dinámico, espectacular. A emoción e a vertixe están, pois, garantidas. Partido de infarto, de nervos a flor de pel, de medo e formiguiñas no estómago.

Porra Real Madrid vs F.C. Barcelona

Como é habitual nesta casa con motivo do derbi, xa podedes facer as vosas apostas. Porén, xa coñecedes as normas: unha por persoa. Así mesmo, só se permite repetir unha vez o resultado. O premio, nesta ocasión, consiste nun lote de libros galegos (poesía e narrativa). Sorte, pois, aos contendentes e, por suposto, aos apostantes.




"A cara oculta de Fisterra", unha crónica de Santi Garrido

publicado o 23 Marzo de 2010 ás 17:16 por Modesto Fraga.


santiago_garrido21_400

"La cara oculta de Fisterra está plagada de brillo e historia"

S. Garrido/ La Voz de Galicia

El Cabo Fisterra es el segundo punto más visitado de Galicia, pero la mayoría de quienes lo hacen se quedan en lo más tradicional: la punta del Cabo y todo lo que la caracteriza (faro, Semáforo, cruz y botas del peregrinos...), el cementerio de Portela, el mirador (antiguo vertedero), Cabanas, Talón, el puerto; Langosteira, Mar de Fóra y O Rostro.... Lugares señalados, emblemáticos, pero no los únicos de interés para ver durante una visita con algo de tiempo.

Castromiñán, por ejemplo, es uno de los castros marítimos más espectaculares de Galicia. Situado a escasos metros de la aldea (parroquia de Sardiñeiro) del mismo nombre, en la zona llamada Monte Castelo, sus murallas cubiertas casi se pueden tocar. Hubo una torre, en el centro, y hay quien la emparenta con las famosas de Augusto. También se accede desde el sur de O Rostro, pero siempre a pie. En el año 98, la Universidade de Santiago tenía un proyecto para excavarlo, encabezado por Alonso Romero, y el Concello lo aprobaba, pero Patrimonio lo fue dejando.

Seguir lendo aquí.




Aves de rapina nas terras dos "Feros Corvos"

publicado o 17 Marzo de 2010 ás 09:52 por Modesto Fraga.


anxo_lorenzo_e_jess_vzquez._foto._ramn_escudero

                                                 [Foto: Ramón Escudero. Galicia Hoxe]

                                                                        

                                                                                           "Feros Corvos de Xallas

                                                                                            que vagantes andás".

                                                                                                Eduardo Pondal 

As aves de rapina, procedentes dos ermos vales que durante séculos asoballaron a nosa Terra para alimentar os seus nauseabundos estómagos, regresan de novo ao país dos mil ríos, á patria dos máis grandes cantores. Chegan, como adoitan, de noite, ás escuras, premeditada e aleivosamente, coa súa furia indelébel, co seu fedor de espanto, coa covarde carraxe dos días máis escuros, de silencio.

Consumado o delicto, asasinado o último alento da milenaria lingua, as aves carroñeras incrustan as súas envelenadas unllas no sangue do corpo inocente, nas entrañas máis íntimas do noso ser, na inquebrantábel coraxe dos que, en tempos de agonía e sufrimento, forxaron bandeiras para construír estirpe, mares, fachos de luz. Eis o exemplo, eis a dignidade vivísima de luceiros sempre acesos como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Chus Pato. Todos e todas herdeiros dunha caste por sempre ennobrecida, luminosa, dona de seu.

Mais velaí que a luz faise silencio, negra sombra perpetua, profanado Grial convertido xaora en cinsa polas hostes de Xudas, polos traidores, os mercenarios, os negadores da razón e da luz verdadeira. Ai, que das terras sombrías, fachendosas, miserábeis, chegan de novo as aves de rapina e a luz, de pronto, faise sombra, dor infinda! Como serpes de sete cabezas cuspindo veleno de norte a sur, de leste a oeste, así as vexo vir. Son elas. Con sixilo, emerxen do máis escuro das tebras, erguen as súas ás, e así comezan o seu lascivo festín devorando a lingua proletaria do meu pobo, a lingua de ferro que Pondal, coma un ourive, verso a verso, converteu en finísimo ouro, a dos máis elevados cumes da esplendorosa lírica medieval (a do Rei Sabio, a de Martín Codax, a de Mendiño), a combativa e poderosa voz na que un día Rosalía sentenciou: "Probe Galicia, non debes chamarte nunca española", a da firme e contundente denuncia dos irreverentes Curros e Manuel Antonio, a dos poemas caligráficos de Novoneira, a da pólvora e as magnolias de Ferrín, a dos poemas mariñeiros de Bernardino, a do verso conciso e solidario de Rafa Villar.

Chegan, en fin, as aves de rapina, máis famentas de odio e desprezo ca nunca, e traen envolta nos seus despoxos unha nova "Doma e castración de Galicia". Dúas son as que abandeiran a causa, as que levan no pérfido bico a encomenda do Grande Censor: eliminar o noso meirande sinal de identidade, o noso máis prezado tesouro, a nosa única -e necesaria- razón de ser.




"Facer da necesidade virtude". Desmontando algunhas mentiras ("piadosas")

publicado o 15 Marzo de 2010 ás 10:34 por Modesto Fraga.


 

ism_fisterra
                                                       [Foto: MILLARES]

Xa me estrañaba a min que detrás de toda aquela polémica xurdida a respecto da posibilidade de que o ISM acabase trasladando as súa oficinas a outra localidade non estivese a sombra alargada do excelentísimo señor alcalde e o seu eficacísimo equipo de goberno.

Sen ánimo de ser mal pensados, o certo é que sempre tiven a sospeita de que, no canto de brindaren aos cidadáns a oportuna información que nestes casos cómpre, o que recibiamos os fisterráns de a pé por parte da autoridade municipal era a calada por resposta. Toda unha declaración de intencións da política de sumidoiros que abandeiran os nosos actuais gobernantes.

PINCHAR AQUÍ PARA SEGUIR LENDO. 




"Cartas de vellos amigos", de Xosé Neira Vilas

publicado o 11 Marzo de 2010 ás 19:58 por Modesto Fraga.


freixanes_neira_vilas_e_dolores_vilavedra_01

                                                                 [FOTO: Fernando Blanco]

Este martes, coa nobre escusa de aproveitar unha das poucas fermosas tardes que tivemos neste desapracible inverno, asistín á presentación na libraría "Couceiro" do novo libro de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928), Cartas de vellos amigos, editado por Galaxia.

A velada, como non podía ser doutra maneira, resultou de grande interese e dunha emoción desbordante, propia dos momentos irrepetibles, case máxica. Como xa vén sendo habitual nas intervencións do "mago de Gres", ao pouco de se iniciar a presentación, o extraordinario sentido do humor de Pepe deixouse notar facendo gala dunha colosal memoria ao traer a colación unha retahila de datas e datos precisos que deixou coa boca aberta aos seus compañeiros de mesa.

O volume, de seiscentas corenta e dúas páxinas, recolle a correspondencia recibida por Neira Vilas desde 1959 até 1998. Nas súas páxinas asoman as misivas que o autor de Memorias dun neno labrego foi xuntando e gardando coma un tesouro ao longo de corenta anos de intensa vida. Son, grosso modo, o espello dunha época de angurias, de inxente compromiso co país, de grandes ilusións e, tamén, de dificultades, de inmensa dor. Están os sentimentos máis íntimos -e profundos- de autores do noso Parnaso literario como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Ricardo Carballo Calero, entre outros. En definitiva, un documento excepcional, primoroso, como testemuño dunha parte importante da historia cultural da Galicia da segunda metade do século XX.

Porén, a través destas cartas percibimos a forte pegada que na nosa intelectualidade deixou aquela Galicia dispersa aquén e alén mar, unha cultura de resistencia e de amor patrio que, grazas á correspondencia epistolar e ás persoas que se encargaron de mantela viva, como é o caso de Xosé Neira Vilas, foi quen de se vertebrar definitivamente. Sen ningunha dúbida, supuxo a constatación plausible dunha inequívoca vontade: a de manter vivos os vencellos que unían -e aínda hoxe unen- o mundo da Galicia do interior e o da diáspora.

Da edición, introdución e notas do volume encargouse a profesora Dolores Vilavedra, quen aproveitou a súa quenda de intervención para enxalzar o libro e, de paso, para agradecerlle ao mestre de Xente no Rodicio a súa estreita e sabia colaboración. Como grande coñecedora e experta da nosa historiografía literaria que é, estou convencido de que coincidirá comigo na consideración desta obra como unha verdadeira xoia da nosa memoria colectiva, un tesouro salomónico de valor incalculable. Parabéns, amigo Pepe. Parabéns, Galicia.




Antoloxía de poesía galega en Venezuela

publicado o 02 Marzo de 2010 ás 18:30 por Modesto Fraga.


venezuela_400

Veinte puntos de fuga, antología de poesía gallega contemporánea é o título dunha antoloxía preparada pola filóloga Teresa Seara para a prestixiosa editorial venezolana "El perro y la rana". Despois dun tempo máis que prudente descansando no limbo da burocracia, a obra literaria estará por fin nas librarías do país nas vindeiras semanas.

Auspiciada polo Ministerio del Poder Popular para la Cultura de Venezuela, a escolma recolle os textos de vinte poetas galegos, entre os que se atopan Daniel Salgado, Baldo Ramos, Elvira Riveiro, Estíbaliz Espionsa, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Emma Pedreira, Carlos Negro, Martín Veiga, Anxos Romeo, Marta Dacosta, Helena de Carlos e algúns da Costa da Morte como María Lado, Rafael Lema, Estevo Creus, Modesto Fraga, Miro Villar e Rafa Villar.

O volume, fermosamente editado, forma parte dun proxecto sumamente ambicioso, tal e como recoñecen os responsábeis da publicación. "Es aspiración del Ministerio del Poder Popular para la Cultura crear una colección capaz de ofrecer una visión global del proceso poético de la humanidad a lo largo de su historia, de modo que nuestros lectores, poetas, escritores, estudiosos, puedan acceder a un material de primera mano de lo que ha sido su desarrollo, sus hallazgos, descubrimientos y revelaciones, y del aporte, invalorable que ha significado para la cultura humana".

Máis información aquí




Rosita Díez e o seu reiterado odio a Galicia

publicado o 24 Febreiro de 2010 ás 15:54 por Modesto Fraga.


A noxenta prea de UPyD, Rosita Díez, volve de novo ás andadas e faino coa súa habitual restra de estupideces e palabrería barata para descalificar e provocar, de forma velada, a identidade do noso país.

Nunha entrevista dirixida por Iñaki Gabilondo, que vén de ser emitida por CNN+, a reaccionaria politiquilla cambiachaquetas  espallouse así:

Diálogo entre Iñaki Gabilondo e Rosa Díez.


-Gabilondo: Defíname a Zapatero.

-Rosa Díez: Podría ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra (sic)

-Gabilondo: ¿Y Rajoy ?

-Rosa Díez: Es gallego.

En fin, sobran os comentarios. E aínda hai quen lle vota neste sufrido país. Miserable.




Grazas, compañeiro

publicado o 10 Febreiro de 2010 ás 18:13 por Modesto Fraga.


xon_silva_pazos

Quero agradecerlle a Xoán Silva Pazos, ese remuíño de luz, esa atalaia incansábel e voraz da nosa historiografía fisterrá, as súas palabras tan cálidas coma inmerecidas a respecto da miña obra poética e, por extensión, da de todos/as aqueles que, desde a palabra, desde o compromiso e desde a liberdade contribuíron (e contribúen) a facer máis digna a nosa identidade.

E é que Xoán, destacado estudante de 2º ciclo de Filoloxía Hispánica e activo dinamizador das novas fornadas culturais da nosa bisbarra (sen ir máis lonxe, recentemente, como xa anunciamos no seu día, impartiu xunto a Iván Fraga unha interesante palestra sobre o mundo dos blogues e a súa significación) é, sen dúbida, un atento lector e un magnífico observador da nosa realidade socio-cultural. Proba delo son as súas interesantísimas investigacións encol dalgúns dos aspectos máis sobranceiros da historia do noso confín atlántico e que podemos rescatar, con frecuencia, nesa colosal fiestra aberta que é Promontorium Nerium.

Asemade, Xoán posúe a difícil virtude de ser un fino articulista, algo que con só facer un clik e entrar no portal Que pasa na Costa podemos constatar de inmediato nesa atractiva sección titulada "Cando ronca o vendaval", adicada á creación literaria na Costa da Morte.

Nesta ocasión tivo a ben reparar en min, cousa que, como é lóxico, lle agradezo enormemente. Porén, supoño que os meus detratores pensarán, con excelente criterio, que estas palabras súas que eu recollo aquí non son máis ca unha mostra de autobombo, de pretenciosidade e orgullo, que contraveñen o que, etimoloxicamente, o meu nome semella indicar. Pero, a dicir verdade, a todos/as nos gusta, de vez en cando, recibir unha unha palabra fresca, unha palabra pura, unha calurosa aperta chea de verdade e sentimento.

ARTIGO DE XOÁN SILVA PAZOS EN QPNC.




O medo de Feijoo ao príncipe das nosas Letras

publicado o 28 Xaneiro de 2010 ás 18:16 por Modesto Fraga.


foto_ferrn_400
[Foto. "Descordo de amor: Occitania en Galicia, 2004.
Con Luís Celeiro, González Tosar, Méndez Ferrín e Bernardino Graña]

Coa chegada á presidencia da RAG do noso escritor máis universal, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), comezan a sair á palestra todo tipo de declaracións, case sempre desafortunadas e cheas de ignorancia, das principais forzas fácticas do noso querido e , en ocasións, envelenado planeta galego.

Se hai unhas semanas, con motivo do posicionamento do autor de Arraianos a presidir a centenaria casa da rúa Tabernas, eran os cachorros do poderoso xefe do monopolio xornalístico os que atacaban a opción máis solvente, sensata, unánime e prestixiosa, agora é o propio presidente da Xunta quen se postula deixándonos unhas declaracións tan patéticas como carentes de sentido común. Ai, o medo.

Será que Núñez Feijoo desconfía da máis que demostrada competencia lingüística, literaria e académica de Xosé Luís Méndez Ferrín ou, pola contra, talvez recela dos seus altísimos valores intelectuais e morais, así como da súa insobornábel actitude para con este milenario e avasallado país.

Con Ferrín presidindo a RAG unha cousa está clara: acabáronse os cambalaches, os paripés interesados e os perversos desleixos á nosa identidade nacional. El (o mestre) somos nós. "Vox populi vox Dei".

Declaracións de Feijoo aquí. 


« Anterior || 1 | 2 | 3 |...| 30 | 31 | 32 || Seguinte »