"A cara oculta de Fisterra", unha crónica de Santi Garrido
publicado o 23 Marzo de 2010 ás 17:16 por Modesto Fraga.

"La cara oculta de Fisterra está plagada de brillo e historia"
S. Garrido/ La Voz de Galicia
El Cabo Fisterra es el segundo punto más visitado de Galicia, pero la mayoría de quienes lo hacen se quedan en lo más tradicional: la punta del Cabo y todo lo que la caracteriza (faro, Semáforo, cruz y botas del peregrinos...), el cementerio de Portela, el mirador (antiguo vertedero), Cabanas, Talón, el puerto; Langosteira, Mar de Fóra y O Rostro.... Lugares señalados, emblemáticos, pero no los únicos de interés para ver durante una visita con algo de tiempo.
Castromiñán, por ejemplo, es uno de los castros marítimos más espectaculares de Galicia. Situado a escasos metros de la aldea (parroquia de Sardiñeiro) del mismo nombre, en la zona llamada Monte Castelo, sus murallas cubiertas casi se pueden tocar. Hubo una torre, en el centro, y hay quien la emparenta con las famosas de Augusto. También se accede desde el sur de O Rostro, pero siempre a pie. En el año 98, la Universidade de Santiago tenía un proyecto para excavarlo, encabezado por Alonso Romero, y el Concello lo aprobaba, pero Patrimonio lo fue dejando.
Seguir lendo aquí.
Aves de rapina nas terras dos "Feros Corvos"
publicado o 17 Marzo de 2010 ás 09:52 por Modesto Fraga.
[Foto: Ramón Escudero. Galicia Hoxe]
"Feros Corvos de Xallas
que vagantes andás".
Eduardo Pondal
As aves de rapina, procedentes dos ermos vales que durante séculos asoballaron a nosa Terra para alimentar os seus nauseabundos estómagos, regresan de novo ao país dos mil ríos, á patria dos máis grandes cantores. Chegan, como adoitan, de noite, ás escuras, premeditada e aleivosamente, coa súa furia indelébel, co seu fedor de espanto, coa covarde carraxe dos días máis escuros, de silencio.
Consumado o delicto, asasinado o último alento da milenaria lingua, as aves carroñeras incrustan as súas envelenadas unllas no sangue do corpo inocente, nas entrañas máis íntimas do noso ser, na inquebrantábel coraxe dos que, en tempos de agonía e sufrimento, forxaron bandeiras para construír estirpe, mares, fachos de luz. Eis o exemplo, eis a dignidade vivísima de luceiros sempre acesos como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Chus Pato. Todos e todas herdeiros dunha caste por sempre ennobrecida, luminosa, dona de seu.
Mais velaí que a luz faise silencio, negra sombra perpetua, profanado Grial convertido xaora en cinsa polas hostes de Xudas, polos traidores, os mercenarios, os negadores da razón e da luz verdadeira. Ai, que das terras sombrías, fachendosas, miserábeis, chegan de novo as aves de rapina e a luz, de pronto, faise sombra, dor infinda! Como serpes de sete cabezas cuspindo veleno de norte a sur, de leste a oeste, así as vexo vir. Son elas. Con sixilo, emerxen do máis escuro das tebras, erguen as súas ás, e así comezan o seu lascivo festín devorando a lingua proletaria do meu pobo, a lingua de ferro que Pondal, coma un ourive, verso a verso, converteu en finísimo ouro, a dos máis elevados cumes da esplendorosa lírica medieval (a do Rei Sabio, a de Martín Codax, a de Mendiño), a combativa e poderosa voz na que un día Rosalía sentenciou: "Probe Galicia, non debes chamarte nunca española", a da firme e contundente denuncia dos irreverentes Curros e Manuel Antonio, a dos poemas caligráficos de Novoneira, a da pólvora e as magnolias de Ferrín, a dos poemas mariñeiros de Bernardino, a do verso conciso e solidario de Rafa Villar.
Chegan, en fin, as aves de rapina, máis famentas de odio e desprezo ca nunca, e traen envolta nos seus despoxos unha nova "Doma e castración de Galicia". Dúas son as que abandeiran a causa, as que levan no pérfido bico a encomenda do Grande Censor: eliminar o noso meirande sinal de identidade, o noso máis prezado tesouro, a nosa única -e necesaria- razón de ser.
"Facer da necesidade virtude". Desmontando algunhas mentiras ("piadosas")
publicado o 15 Marzo de 2010 ás 10:34 por Modesto Fraga.
[Foto: MILLARES]
Xa me estrañaba a min que detrás de toda aquela polémica xurdida a respecto da posibilidade de que o ISM acabase trasladando as súa oficinas a outra localidade non estivese a sombra alargada do excelentísimo señor alcalde e o seu eficacísimo equipo de goberno.
Sen ánimo de ser mal pensados, o certo é que sempre tiven a sospeita de que, no canto de brindaren aos cidadáns a oportuna información que nestes casos cómpre, o que recibiamos os fisterráns de a pé por parte da autoridade municipal era a calada por resposta. Toda unha declaración de intencións da política de sumidoiros que abandeiran os nosos actuais gobernantes.
PINCHAR AQUÍ PARA SEGUIR LENDO.
"Cartas de vellos amigos", de Xosé Neira Vilas
publicado o 11 Marzo de 2010 ás 19:58 por Modesto Fraga.
[FOTO: Fernando Blanco]
Este martes, coa nobre escusa de aproveitar unha das poucas fermosas tardes que tivemos neste desapracible inverno, asistín á presentación na libraría "Couceiro" do novo libro de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928), Cartas de vellos amigos, editado por Galaxia.
A velada, como non podía ser doutra maneira, resultou de grande interese e dunha emoción desbordante, propia dos momentos irrepetibles, case máxica. Como xa vén sendo habitual nas intervencións do "mago de Gres", ao pouco de se iniciar a presentación, o extraordinario sentido do humor de Pepe deixouse notar facendo gala dunha colosal memoria ao traer a colación unha retahila de datas e datos precisos que deixou coa boca aberta aos seus compañeiros de mesa.
O volume, de seiscentas corenta e dúas páxinas, recolle a correspondencia recibida por Neira Vilas desde 1959 até 1998. Nas súas páxinas asoman as misivas que o autor de Memorias dun neno labrego foi xuntando e gardando coma un tesouro ao longo de corenta anos de intensa vida. Son, grosso modo, o espello dunha época de angurias, de inxente compromiso co país, de grandes ilusións e, tamén, de dificultades, de inmensa dor. Están os sentimentos máis íntimos -e profundos- de autores do noso Parnaso literario como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Ricardo Carballo Calero, entre outros. En definitiva, un documento excepcional, primoroso, como testemuño dunha parte importante da historia cultural da Galicia da segunda metade do século XX.
Porén, a través destas cartas percibimos a forte pegada que na nosa intelectualidade deixou aquela Galicia dispersa aquén e alén mar, unha cultura de resistencia e de amor patrio que, grazas á correspondencia epistolar e ás persoas que se encargaron de mantela viva, como é o caso de Xosé Neira Vilas, foi quen de se vertebrar definitivamente. Sen ningunha dúbida, supuxo a constatación plausible dunha inequívoca vontade: a de manter vivos os vencellos que unían -e aínda hoxe unen- o mundo da Galicia do interior e o da diáspora.
Da edición, introdución e notas do volume encargouse a profesora Dolores Vilavedra, quen aproveitou a súa quenda de intervención para enxalzar o libro e, de paso, para agradecerlle ao mestre de Xente no Rodicio a súa estreita e sabia colaboración. Como grande coñecedora e experta da nosa historiografía literaria que é, estou convencido de que coincidirá comigo na consideración desta obra como unha verdadeira xoia da nosa memoria colectiva, un tesouro salomónico de valor incalculable. Parabéns, amigo Pepe. Parabéns, Galicia.
Antoloxía de poesía galega en Venezuela
publicado o 02 Marzo de 2010 ás 18:30 por Modesto Fraga.
Veinte puntos de fuga, antología de poesía gallega contemporánea é o título dunha antoloxía preparada pola filóloga Teresa Seara para a prestixiosa editorial venezolana "El perro y la rana". Despois dun tempo máis que prudente descansando no limbo da burocracia, a obra literaria estará por fin nas librarías do país nas vindeiras semanas.
Auspiciada polo Ministerio del Poder Popular para la Cultura de Venezuela, a escolma recolle os textos de vinte poetas galegos, entre os que se atopan Daniel Salgado, Baldo Ramos, Elvira Riveiro, Estíbaliz Espionsa, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Emma Pedreira, Carlos Negro, Martín Veiga, Anxos Romeo, Marta Dacosta, Helena de Carlos e algúns da Costa da Morte como María Lado, Rafael Lema, Estevo Creus, Modesto Fraga, Miro Villar e Rafa Villar.
O volume, fermosamente editado, forma parte dun proxecto sumamente ambicioso, tal e como recoñecen os responsábeis da publicación. "Es aspiración del Ministerio del Poder Popular para la Cultura crear una colección capaz de ofrecer una visión global del proceso poético de la humanidad a lo largo de su historia, de modo que nuestros lectores, poetas, escritores, estudiosos, puedan acceder a un material de primera mano de lo que ha sido su desarrollo, sus hallazgos, descubrimientos y revelaciones, y del aporte, invalorable que ha significado para la cultura humana".
Máis información aquí