O medo de Feijoo ao príncipe das nosas Letras
publicado o 28 Xaneiro de 2010 ás 18:16 por Modesto Fraga.
[Foto. "Descordo de amor: Occitania en Galicia, 2004.
Con Luís Celeiro, González Tosar, Méndez Ferrín e Bernardino Graña]
Coa chegada á presidencia da RAG do noso escritor máis universal, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), comezan a sair á palestra todo tipo de declaracións, case sempre desafortunadas e cheas de ignorancia, das principais forzas fácticas do noso querido e , en ocasións, envelenado planeta galego.
Se hai unhas semanas, con motivo do posicionamento do autor de Arraianos a presidir a centenaria casa da rúa Tabernas, eran os cachorros do poderoso xefe do monopolio xornalístico os que atacaban a opción máis solvente, sensata, unánime e prestixiosa, agora é o propio presidente da Xunta quen se postula deixándonos unhas declaracións tan patéticas como carentes de sentido común. Ai, o medo.
Será que Núñez Feijoo desconfía da máis que demostrada competencia lingüística, literaria e académica de Xosé Luís Méndez Ferrín ou, pola contra, talvez recela dos seus altísimos valores intelectuais e morais, así como da súa insobornábel actitude para con este milenario e avasallado país.
Con Ferrín presidindo a RAG unha cousa está clara: acabáronse os cambalaches, os paripés interesados e os perversos desleixos á nosa identidade nacional. El (o mestre) somos nós. "Vox populi vox Dei".
Declaracións de Feijoo aquí.
Queremos Galego!
publicado o 21 Xaneiro de 2010 ás 16:47 por Modesto Fraga.
[Foto. ANT]
Este mediodía, por se alguén tiña algunha dúbida ao respecto, o pobo galego volveu manifestarse de xeito masivo e contundente a prol do seu principal signo identitario: a lingua.
Milleiros de persoas chegadas de todos os lugares de Galicia quixeron amosar hoxe o seu rexeitamento absoluto para co novo decreto do galego auspiciado por un goberno acomplexado e contrario aos intereses do país que representan. Eles, os túzaros, fieis á súa incompetencia e mediocridade natural, conseguiron inventar un problema onde nunca existíu. O seu partidismo, o seu desleixo pola cultura e pola historia do noso milenario país, provocou unha reacción social de tal envergadura que nin os máis upeydianos, sabaterianos e galiciabilingueiros acaban de comprender. E é que estes mamarrachos dereitosos, politiquillos de tres al cuarto, teñen tal cacao mental que nin aos deles convencen para a causa.
A manifestación, organizada pola plataforma "Queremos Galego", ateigou a capital galega até o extremo de que a varios milleiros de persoas foilles materialmente imposible entrar na praza do Obradoiro por mor da inxente cantidade de asistentes. Agora chega o turno das valoracións, dos datos e das cifras. Algúns falarán de 60.000 almas presentes, outros deixarán a cousa en 20.000 e así sucesivamente. O que está claro -e diso podemos dar fiel testemuño os que alí nos atopabamos- é que tanto na principal praza compostelá (da que se di que alberga unhas 30.000 persoas aproximadamente) coma nas máis importantes rúas do casco vello da cidade non collía un alfiler, proba inequívoca de que o éxito da convocatoria está máis que garantido.
Mentres agardamos os resultados "oficiais" da exitosa e histórica manifestación, déixovos este enlace da noticia elaborada por EL PAÍS.
"Os versos salgados do Batallón", un artigo de X. M. Lobato
publicado o 16 Xaneiro de 2010 ás 17:40 por Modesto Fraga.

[Con X. A. Montero, Miro Villar e o autor do artigo, X.M. Lobato. Foto. ANT]
Seis meses despois da publicación da antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (Sotelo Blanco, 2009) continúan aparecendo na prensa fermosas e delicadas recensións coma esta que asina Xosé Manuel Lobato en "El Correo Gallego".
Desde aquí, os coordenadores do volume (Miro Villar e un servidor), queremos facer chegar a Xosé Manuel Lobato o noso agradecemento máis sincero polas súas xenerosas palabras e pola súa sabia e rigorosa lectura. Obrigadísimos, camarada.
"OS VERSOS SALGADOS DO BATALLÓN". ARTIGO COMPLETO
Julio Castro Marcote, o artista embaixador da hostalería
publicado o 16 Xaneiro de 2010 ás 14:26 por Modesto Fraga.

[Foto: Paco Rodríguez]
"O Hostal popularizouse porque abrimos as súas portas á cidade"
O fisterrán Julio César Castro Marcote, "Chichí" para os amigos e coñecidos, vén de ser estrevistado polo xornalista de La Voz de Galicia Xosé M. Cambeiro, na edición que o principal diario de Galicia ten en Santiago Compostela.
Unha vez máis, este ilustre fisterrán nado en Sardiñeiro e pertencente a unha das sagas de maior cerne no mundo da restauración da Costa da Morte (os propietarios da centenaria "Casa Lestón"), volve deixar testemuño da súa grandeza persoal e da súa constatada capacidade profesional como director dun dos Paradores máis prestixiosos de España, o Hostal dos Reis Católicos.
Dado o interese da reportaxe publicada hoxe nas páxinas de La Voz (edición de Compostela), rescato para vós, amigos e amigas lestores deste espazo cibernético, as palabras de Julio Castro co desexo de que sexan do agrado de todos e todas os que nos sentimos orgullosos de compartir patria común con persoas da calide humana e profesional deste fillo da Costa da Morte.
Entrevista na Radio Galega
publicado o 14 Xaneiro de 2010 ás 17:30 por Modesto Fraga.

Este sábado, a partires das 12:30 horas, teño previsto intervir no programa "Coñecer Galicia" que dirixe a xornalista Isabel Freire. Será para falar de Fisterra, das súas impresionantes paisaxes, da súa tentadora gastronomía, da súa primorosa historia (pasada e presente).
Imaxino que, como de costume, acabarei caendo no meu habitual chauvinismo, na miña coñecida e esaxerada reverencia ao terruño matricial. Mais, a dicir verdade, nos tempos que corren, vendo as últimas campañas de acoso e derribo que padece o noso Finis Terrae (posible desmantelamento dos servizos que desde hai varias décadas presta na localidade o ISM; incomprensible e vergoñenta campaña do concello de Muxía para reivindicar aquela vila como "Fin do Camiño" co que isto representa, etc) non vén nada mal un pouco de amor propio aínda que só sexa a modo de terapia radiofónica. Así que a ver se non me cruzo demasiado, que o sangue ferve e moito.
"Si ou non", de Anxo Tarrío Varela
publicado o 13 Xaneiro de 2010 ás 12:52 por Modesto Fraga.

Interesante artigo do profesor Anxo Tarrío na súa sección semanal "De Letras e de signos" (Galicia Hoxe) a respecto da normativa do galego.
Podes ler o artigo premendo aquí.
Exilio e literatura (3)
publicado o 21 Decembro de 2009 ás 09:48 por Modesto Fraga.

[Miguel Hernández e Josefina, na súa casa do barrio alacantino de Benalúa]
Falabamos ao comezo desta serie da dolorosa figura de Miguel Hernández como vítima silenciosa -e silenciada- dun dos períodos máis sórdidos e crueis da historia recente de España: a guerra civil. Á diferenza doutros autores coetáneos seus (Federico García Lorca, Rafael Alberti, Dámaso Alonso, Gerardo Diego, Cernuda, Rosales, Guillén...) o poeta oriolano a penas gozou do recoñecemento e do respecto que a súa obra, sen dúbida, merece. A súa formación autodidacta (era, como sabemos, pastor de cabras) e o seu leal compromiso coa causa republicana, foron acaso dúas febles bandeiras que o situaron nas beiras da periferia, lonxe, moi lonxe do núcleo dominante dos que "rentabilizaron" a derrota desde a "vitoria" do exilio. Os que se foron (e ficaron, de vez, como grandes abandeirados da causa mártir do desterro) recibiron o seu premio como recoñecemento á súa valorosa defensa polas liberdades; os que se quedaron no frente de batalla defendendo o goberno lexítimo da República, entregando a súa propia vida como fixo Miguel Hernández, recibiron o tributo máis amargo: o ostracismo, o esquecemento, o silencio.
Velaí a importancia de tentar comprender os distintos estados que, con respecto ao exilio, existen na memoria colectiva da condición humana. A poesía, a literatura, a vida ofrecen a miúdo meritorios exemplos de homes e mulleres anónimos que afrontan o seu destino de forma singular. O caso de Miguel Hernández é un deles. O seu exilio foi, ante todo, unha catarse íntima, un longo desespero, un raio que xamais deixou de cesar. A súa patria, o seu país, o seu pobo estiveron sempre nos seus adentros. E os seus versos, a autenticidade da súa voz sempre inocente, delatan o exilio interior que o atormentaba:
"Umbrío por la pena, casi bruno,
porque la pena tizna cuando estalla,
donde yo no me hallo no se halla
hombre más apenado que ninguno.
Sobre la pena duermo solo y uno,
pena es mi paz y pena mi batalla,
perro que ni me deja ni se calla,
siempre a su dueño fiel, pero importuno.
Cardos y penas llevo por corona,
cardos y penas siembran sus leopardos
y no me dejan bueno hueso alguno.
No podrá con la pena mi persona
rodeada de penas y de cardos:
¡cuánto penar para morirse uno!"
El rayo que no cesa (1936)
Como se pode apreciar neste emotivo soneto a pena hernandiana penetra nas nosas consciencias coma unha luz sutil, reveladora. Qué maior exilio pode haber, entón, que aquel que habita no interior do ser humano, no individuo común que todos somos. Reparemos, senón, no terceiro verso do primeiro cuarteto: "donde yo no me hallo no se halla" e fixémonos agora no posterior encabalgamento a modo de tensión máxima: "hombre más apenado que ninguno".
Efectivamente, o exilio interior de Miguel Hernández vai moito máis alá de fronteiras xeográficas, de espazos e tempos, de ideloxías e dogmas. Neste sentido podemos estabelecer unha relación baseada na memoria e no olvido que tamén viamos na novela de D. Ugrešiæ. Ao mesmo tempo, o que para Tanja (ou, mellor aínda, para a narradora omnisciente que é quen en última instancia participa de forma directa do amargor do exilio) é a única vitoria, referíndose á partida do lugar de orixe, para o poeta non deixa de ser unha anécdota intranscendente. A profesora do relato de Ugrešiæ interpreta, ademais, o regreso ao seu país natal como a constatación da morte, a desaprobación, o desprezo, as miradas hostís; algo que, por outra banda, non sería arriscado emparentar co sentimento de marxinación, de desprezo e de abandono que, unha vez máis, atopamos na incomprendida voz do poeta de Viento del pueblo. Os dous primeiros versos da segunda estrofa do poema "Umbrío por la pena" son unha boa proba do que dicimos:
"Sobre la pena duermo solo y uno,
pena es mi paz y pena mi batalla (...)"
Eis a pena inmensa que atormenta e desgarra ao noso poeta. Unha pena que, de novo, ecoa con máis forza ca nunca no último e impoñente terceto final. Uns versos insuperábeis, contundentes:
"No podrá con la pena mi persona
rodeada de penas y de cardos:
¡cuánto penar para morirse uno!"
Velaí a constatación dun intre concreto de exilio interior, un sentimento íntimo, se callar o máis humano de todos. O lamento profundo e desesperado co que Miguel Hernández pecha este magnífico poema non deixa lugar a dúbidas. As interpretacións, en todo caso, son subxectivas e cada quen, na súa propia e singular lectura, debe extraer as conclusións oportunas. O importante, digo eu, é sentir de verdade, vivir, amar no coñecemento.
Recital "Poetas da Costa da Morte" en Muxía
publicado o 16 Decembro de 2009 ás 15:49 por Modesto Fraga.
Este vindeiro sábado, 19 de decembro, un grupo de poetas da Costa da Morte estaremos en Muxía para participar nun acto literario que servirá de escusa perfecta para reencontrármonos e desfrutar dunha memorable xornada de camaradaxe e viños a esgalla.
O acto poético dará comezo ás 18.30 horas no Salón do Voluntariado e terá continuidade cun concerto musical a cargo de "Os Cuchufellos". Participarán na sesión literaria os "Feros Corvos" da Costa da Morte Marilar Aleixandre, Miguel Mato, Miguel Vázquez Freire, Miro Villar, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Paco Souto, Rivadulla Corcón, Suso Bahamonde, Xaime Trillo, Paco de Tano, María Lado e Rosalía Fernández Rial.
Así que xa sabedes. Estades todos e todas convidadísimos/as. Agardamos por vós, por ti, amigo e amiga da poesía.
Exilio e literatura (2)
publicado o 15 Decembro de 2009 ás 10:55 por Modesto Fraga.

[Guernika, 1937. Picasso]
Coa derrota dos partidarios da razón republicana na guerra civil española, prodúcese unha nova visión do exilio desde unha óptica se callar máis abrupta, desgarradora: o desterro. Nomes coma os de Juan Ramón Jiménez, Antonio Machado, Rafael Alberti, Jorge Guillén, Luís Cernuda ou León Felipe son abondo representativos para dármonos conta da sangría, intelectual e humana, que a barbarie do conflito bélico causou nalgúns dos nosos máis excelsos creadores. Unhas veces México, outras Bós Aires, en ocasións París ou o tristísimo Collioure, a quen Machado tributa os seus derradeiros versos: "Estos días azules y este sol de la infancia", son a única esperanza, o derradeiro e incerto destino para comezar unha vida que se apaga, implacábel, cos últimos suspiros da existencia.
Mais a condición de exiliado, de emigrado, de apátrida, de desterrado non é característica dun país, nin dun tempo, nin moito menos dunha situación concreta analizada desde supostos teóricos de corte diacrónico. Antes ben o contrario: transcende situacións, descoñece países, ignora linguas. A magnífica novela El ministerio del dolor de D. Ugrešić, ambientada no recente conflito da ex-yugoslavia, trae ao noso recordo algunhas cuestións que, en boa medida, nos son sumamente coñecidas pola proximidade temporal coa barbarie que asolou España entre 1936 e 1939. A historia que encarna a protagonista principal, Tanja, unha profesora de servo-kroatish exiliada en Amsterdam, non é moi diferente da que podemos percibir en calquera dos autores antes mencionados. Con todo, convén non perder de vista un aspecto certamente importante: cada individuo, cada ser humano, é portador do seu propio exilio, da súa cruz, da súa particular análise para coa sombra que nos ocupa. E velaí que a novela de Ugrešić, como tivemos ocasión de ver, afonda en cuestións tan profundas como o conflito do idioma, a oleada migratoria, o confronto coa literatura dun país (o seu) que xa non existe; a barbarie do "virus nacionalista" que, dalgún xeito, a persegue; a necesidade da reconciliación co pasado para afrontar o futuro sen traumas; o retorno. Porén, o importante non radica tanto na prolixa diversidade que o tema en si nos ofrece (que é moita e ben suxestiva) senón na visión, particular e propia, de cada individuo. O exilio vivencial no que vive inmersa a protagonista da novela ten poucas similitudes co exilio rebelde e introvertido de Urǒs quen, debido á vergonza de ver a seu pai sendo xulgado por un Tribunal Penal Internacional, decide suicidarse. Algo semellante acontece co personaxe de Sara no vertixinoso filme de Jasmila Sbanic, El secreto de Esma. Nesta ocasión, o exilio non transcorre nun país estranxeiro, como viamos na obra de Ugrešić, senón que se desenvolve dentro do propio país. Isto non impide, con todo, que esteamos de novo ante a representación dun motivo que nos é familiar, que coñecemos sobremaneira. A cruel violación que sofre Esma por parte duns guerrilleiros provoca o nacemento da súa filla Sara quen, ignorante da realidade da súa propia existencia, aspira a converterse nun "shahid", nun mártir de guerra como -erradamente pensaba- debía ser seu pai. Emporiso, todas e cada unha destas situacións comparten unhas características semellantes, análogas, pero acaban transitando por sendeiros diferentes debido a numerosos aspectos que non é do caso tratar agora aquí.
Exilio e literatura (I)
publicado o 09 Decembro de 2009 ás 17:57 por Modesto Fraga.
[Les demoiselles d'Avignon. Picasso]
"Ay, muchacho, en la luz sobrevino la pólvora
y tú, con ruiseñor y con fusil, andando
bajo la luna y bajo el sol de la batalla."
Pablo Neruda "Canto general" [1938-1949]
No mes de decembro de 1949 o poeta chileno Pablo Neruda, unha das voces máis comprometidas e lúcidas do século XX, escribiu na súa magna obra Canto general un fermoso poema titulado "A Miguel Hernández, asesinado en los presidios de España". A intensidade emotiva, a fondura entusiasta e sincera dos versos que o creador dos Veinte poemas de amor y una canción desesperada lle dirixe ao poeta alacantino non fai máis ca corroborar a manifestación plausíbel da peripecia vital e humana dun home marcado por un tempo de exilios e de morte.
A historia da literatura -ou cando menos daquelas que nos son máis coñecidas- está inzada de numerosos exemplos que afondan na cuestión paradigmática do exilio desde un multiperspectivismo certamente cativador. De entrada, xa desde as orixes da tradición literaria occidental, atopamos mostras máis que evidentes dun universalismo temático que transcende os límites espaciais e temporais. Poderiamos, sen afondar en demasía, achegarnos ao exilio (e abranguelo case na súa totalidade) analizándoo soamente nos contextos clásico, romántico e/ou contemporáneo. Mais, en certo modo, estariamos acaso menoscabando e desvalorizando un fenómeno tan sumamente complexo coma suxerente e cativador.
No revelador epígrafe "El sol de los desterrados: literatura y exilio" que Claudio Guillén inclúe no seu monumental ensaio Múltiples moradas, podemos percibir con nitidez os distintos graos ou estados que a figura do exiliado, como elemento literario e, adoito, como experiencia vivencial, é quen de asumir independentemente -e en virtude- dos acontecementos. Así, non hai dúbida de que podemos considerar materia de exilio desde personaxes ficcionais como o propio Adán -quen, como sabemos, foi expulsado do Edén por desobediencia a Deus- pasando por Séneca, que viviu desterrado oito anos, ou o nostálxico Ovidio, expulsado do seu país natal ao igual ca Dante e moitos outros.
Sucede, porén, que un leitmotiv tan recorrente na historia da civilización humana só pode ter sentido se se sustenta en distintas transformacións adaptadas a cada situación particular. O exilio de Odiseo e o seu posterior regreso a Ítaca, malia durar vinte longos anos, foi unha partida voluntaria e nada ten que ver co exilio aterrador, existencial de Dante na Divina Comedia. No primeiro caso o triunfo do retorno actúa como un estímulo sempre presente na aventura do heroe mentres que no segundo, ao igual que lle acontecera a Ovidio, o regreso endexamais será posíbel.
« Anterior
|| 1 |
2 |
3 |...|
28 |
29 |
30 || Seguinte »